25 de agosto de 2010

INSCRICIÓNS E EPITAFIOS

Os linteis das casas do rural adoitan presentar inscricións coa data e o nome de quen patrocinou a fábrica do edificio. Eu case sempre reparo nelas e con relativa frecuencia encontro motivos para a sorpresa ou a admiración. Entre as diversas imaxes que teño tomado, escollo estas catro, obtidas nos municipios de Lalín e Agolada.
Na imaxe superior reparei que o texto aparece escrito en dúas columnas e chamoume a atención o inscrito YLADEABAGO. Logo puiden observar que o lintel se refería á construción de dúas obras feitas en diferentes datas e niveis do terreo. "LADEABAGO" foi a máis recente.
Neste segundo lintel, tan categórico, a disxuntiva queda moi clara e expresa elocuentemente que os moradores desta casa ademais de crentes, non consenten ateísmos nin agnosticimos. Primeira metade do XIX. En pleno Romanticismo.
"O AQVÍ NO ENTRAR O A DIOS ALABAR"
Na mesma aldea da casa anterior, no cemiterio que hai no adro da igrexa, esta lápida dunha meniña de 5 anos, sorprendeume por explicitar o motivo do falecemento tan prematuro.
Noutro cemiterio tamén observei con abraio a lápida da imaxe. Coa ortografía seriamente mancada (BISITACIÓN).
No relativo á ortografía, comprendo que algunhas veces certos canteiros e marmoreiros carecen dos coñecementos gramaticais suficientes. Pero antes de escribir algo sobre material tan imperecedeiro proceden varias consultas. Quizais habería que aplicar aquela máxima carpinteira "Medir dúas veces, cortar unha soa". Aquí sería "Consultar varias veces, inscribir (cicelar) unha soa".

5 comentarios:

  1. Moi boa a inscrición do primeiro lintel. Moi curioso que poña dúas datas diferente ¿comezo e fin?.

    Teño que fixarme mais nisto das inscricións que vexo que da de si. A do neno da arrepíos.

    Apertas

    ResponderEliminar
  2. Curioso todo.
    Eu coñezo un Bítor así inscrito no carné de identidade e non é vello.

    ResponderEliminar
  3. Ti sempre tan observador. Grazas por compartir con cós estas curiosidades.
    Apertas.

    ResponderEliminar
  4. Interesantes imaxes.

    O da ortografía recórdame un letreiro enorme que vin hai uns días nunha tenda chinesa en Cangas do Morrazo. Poñía: BAZAR ORIENTAL. LOSA CHINESA.
    Imaxino que se referían a "loZa".

    ResponderEliminar