
A Gouxa é unha aldeíña da parroquia de Bidueiros, no concello de Dozón. Aquí crúzanse camiños de trascendencia antiga. Un procedía de Ourense e do Ribeiro, arribaba ao Reino, subía por Carballeda e A Corna e adentrábase n'A Gouxa previo paso pola ponte Amear. Desde A Gouxa saía cara a Pena de Francia definindo a vía principal na que se aliñaban as casas do lugar.
Outro camiño procedía de Oseira, o mesmo das peregrinaxes que desde o mosteiro cisterciense subía a Vilarello, Carballediña e Coiras. Pasaba A Gouxa e dirixíase por Bidueiros, sorteando o alto de San Martiño e buscando Mizoite e O Castro...

Na encrucillada de camiños xurdiu a aldea e a feira baixo a tutela dos monxes de Oseira, de cuxo Couto dependía. A orixe é remota e a feira na actualidade resiste dificilmente as transformacións que lle afectan ao agro. A presenza de gando é meramente testemuñal. Algúns telderetes, os polbeiros e as tabernas animan o lugar. Onde goza de espléndida saúde é no aspecto gastronómico. Un bar permanente e varios barracóns eventuais atenden a unha fiel clientela que atopa nos días 11 e 23 de cada mes motivos para achegarse a A Gouxa a degustar o polbo e a carne ao caldeiro. Os domingos da tempada de caza abren igualmente porque contan cos cazadores.

Neste lugar e contexto quedan algunhas construcións da vella feira, un longo pendello expositor, os esteos dalgún outro, bastantes casetas almacén e varios pendellos comedor que sufriron alteracións na súa conformación orixinal.

O 11 de decembro de 1993 acudín por primeira vez á Feira d'A Gouxa. O día estaba seco e soleado e a friaxe mandaba naquela gándara aberta a todos os ventos.
Todo me lembrou as feiras da nenez. Pareceume que alí o tempo se detivera. A feira comezou tarde e rematou moito despois do xantar. Iso xa non se vía en ningunha parte.
Deume tempo a falar cos labregos e cos tratantes, cos polbeiros... a mirar o gando vacún, as ovellas e os porcos. Pouco gando e pouca présa. Alí o ritmo era vagaroso. Ninguén parecía ter présa. Segundo souben despois, moita xente dos arredores consumía as horas nas tabernas ata ben avanzada a noite.

Quedan poucos pendellos e a feira viviu tempos mellores. Pero aquí neste lugar aínda se poden percibir sensacións pretéritas cargadas de historias e misterios. Unha delas lembra como un tratante de nome Paio, que acudía á feira, fora asaltado preto da Pena de Francia. E alí o mataron por negarse a entregarlles o diñeiro. Hoxe un cruceiro pétreo de escasa altura lembra aquel feito e deulle nome ao lugar: A Cruz de Paio.
As fotos desta entrada foron feitas en catro datas diferentes.Varias delas cedeumas o compañeiro e amigo Xabier Quiroga.
Que non se perdan ,que preciosidade
ResponderEliminar