1 de decembro de 2010

O PODER DAS IDEAS

Hai un poder fáctico que poucas veces se cita: o poder das ideas. As ideas transforman o mundo, son a auga que move o rodicio do progreso. Entendamos por progreso só aquilo que é proveitoso para a humanidade e que non causa prexuízos de ningún tipo.
As ideas poucas veces nacen espontaneamente, como unha inspiración que acode de repente. Mais ben son produto dun acto reflexivo, de pararse a matinar, de buscarlle métodos, fórmulas ou solucións aos problemas, ás necesidades que nos vai presentando a vida cotiá.
Cómpre ter ideas, crear ideas para avanzar cara ao futuro con decisión e acerto. Boas ideas (tamén as hai perversas e quen ten mala idea). Ideas para FACER. Ideas que saben da praxe e foxen das utopías.
Ás veces valoramos pouco as persoas que aportan ideas. Quizais porque con frecuencia contrarían as nosas inercias. E, por veces tamén, caemos no erro de destruír despiadadamente as ideas alleas sen aportar alternativas convincentes.
Outro defecto perceptible en certos personaxes ou sectores é a tendencia a adonarse das ideas alleas e presentalas con arrogancia coma se fosen propias. Verdadeiros episodios de fraude intelectual, obra de individuos ou colectivos acomplexados que buscan con iso notoriedade e xustificación ás súas vulgares existencias.
Non abonda con posuír ideas. É mester que estas sexan interesantes, proveitosas, innovadoras, factibles. Se unha idea non reunise algunha destas características, nacería mutilada, eivada en orixe, carente de interese.
Todos temos ideas. Case sempre orixinais e diferentes. Consensualas, harmonizalas e aplicalas é obxectivo prioritario para percorrer os vieiros da concordia e da civilización.
Falo de ideas, que non de ideoloxías. Prefiro as primeiras e non o corsé das consignas ditadas ao albedrío das sectas ou de calquera sátrapa. As miñas ideas e as túas deben convivir, sen pugnas estériles, amparadas en razóns e no respecto. Que as ideas sumen e non dividan.
Censuro aos que para defender unha idea fronte a quen opina diferente recorren ao insulto e á falsidade co único afán de conseguir o descrédito persoal do adversario. Combaten á persoa e esquecen o motivo da discordia. Actúa así quen carece de argumentos e se conduce polo camiño das insidias, que denotan a súa pobreza de criterio.
As ideas deben defenderse con argumentos sólidos, ben razoados, apelando ao sentido común, á autoridade, á exemplarización, á esencia do dereito consuetudinario consolidado ao longo de séculos de historia. Sócrates, Platón e Aristóteles xa deixaron na Idade Antiga sentadas as bases da lóxica e do razoamento.

1 comentario:

  1. ..."As ideas deben defenderse con argumentos sólidos, ben razoados, apelando ao sentido común, á autoridade, á exemplarización, á esencia do dereito consuetudinario consolidado ao longo de séculos de historia"...; moi boa conclusión despois dunha brillante reflexión. As persoas que coma ti non abandonan estes principios son admirables, por desgraza a maioría vai polo camiño da intolerancia e a de todo vale.
    Desde o Pico Sacro.

    ResponderEliminar