16 de xaneiro de 2011

FESTAS E ROMARÍAS

A festa do patrón era sempre unha data preeminente no calendario. Día de xuntarse as familias e as amizades arredor dunha mesa acugulada de viandas e ledicia. Agolada, cerne e paradigma da Galicia rural, estrenaba a década dos sesenta coa fartura das mesas labregas recén saídas dos racionamentos da postguerra. Jesús Faílde viviu aqueles días de fartura e alegría e coa súa cámara certificou aquel renacemento das aldeas, aquela eclosión de xente e optimismo.
Na imaxe de arriba, aparece a familia que Jesús Faílde posuía en Basadroa.
Había algunhas festas que gozaban dun rango especial, por afluencia e por tradición, ás que ninguén faltaba. Entre elas estaba o Carme de Esperante e a Saleta de As Trabancas. Era costume estendido ir comer de campo, en grandes grupos familiares que portaban as viandas en cestas de vimbio. Comíase na carballeira ou arredor dela, sentados ou semitumbados no chan coa comida exposta na brancura dos manteis.
Na imaxe anterior, os mozos de Friufe na romaría de Esperante. Diante aparecen Ivo Varela, de Carral e Carlos de Friufe. Detrás están Nando de Pardo de Esperante e Rivas de Vilariño e outros dous, dos que o fotógrafo non lembra o nome.
Santos Vilar (de Juanito) e Alfonso Vidal, en primeiro termo. Daquelas o feito de tomar unha fotografía espertaba a curiosidade dos máis noviños, que buscaban un fácil pretexto para aparecer inmortalizados. Entre eles distingo a Félix Vidal e a Laureano Otero.
O entroido era tamén motivo de festa especial. Na imaxe, as mozas de Esperante e Vilariño locen sombreiro e traxe varonil en senllas "parellas de noivos". Jesús Faílde, sen pretendelo, deixou constancia de que "a súa sombra era alongada".
Mozos de Esperante e A Lagoa.
No centro, Áurea de Ferrancheiro con dúas amigas ou curmás de Santa Comba.
Jesús Varela Pena (Jesús de Castro de Santa Comba) aparece compracido na romaría da Saleta de As Trabancas, rodeado pola súa filla Pilar (esquerda), profesora xubilada na actualidade e por Milagros Asorey (dereita), de Garlín.
As dúas mozas da foto anterior dan un paseo pola estrada de As Trabancas na sobremesa da festa de A Saleta.
Mozos de As Trabancas no campo de A Saleta, co garrafón como testemuña do momento festivo. Semitumbado, Antolín de Aián.

1 comentario:

  1. Festas, romarías e feiras, sen lugar a dúbidas eran días de ledicia, moito se matinada ao longo do ano sobre iso. O garrafón na Ulla "damajuana", era levada ás romarías cheas de viño e logo compartido con todos, era de unha ola "16 litros", as veces un pipote de 32 litros para todos os amantes do viño, en irmandae era para todos os coñecidos e descoñecidos, e no peto unha botella de caña, da mellor que se tiña na casa e do Ulla; a que viña do ribeiro chamábanlle da "burra", porque a traian os arrieros, e era mala. Desde O Pico Sacro.

    ResponderEliminar