21 de xaneiro de 2011

III FASE NAS OBRAS DE RESTAURACIÓN DOS PENDELLOS

Onte visitei moi de présa os Pendellos. As obras da II fase xa aparecían sen os valados metálicos. Pendellos que emerxeron desde a ruína á espera dun novo destino: feiras (a tradicional de cada 12 e outras moitas de carácter monográfico), exposicións, festas, xuntanzas, actos culturais... Só é cuestión de imaxinación e vontade. E de que a xente de Agolada se implique, que traballe polo que máis merece a pena nesta vila.
Con ledicia e sorpresa vin xa iniciadas as obras da III fase. 400.000 € para restaurar varias casetas-almacén, todas elas no Paseo da Parranda.
Vistas as cousas, a evolución dos acontecementos desde a perspectiva dos anos transcorridos, creo que a realidade supera amplamente as expectativas iniciais daqueles que buscabamos un revulsivo para este recinto BIC que esmorecía paseniñamente.
Pasará esta fase e con ela teranse consumido 1.200.000 €. E aínda quedarán pendentes máis obras. Ata recuperar os pendellos-expositores da Parranda, completar a restauración de todas as casetas-almacén para darlles un destino hostaleiro (creo que sería o ideal), seguir co arranxo de tellados e madeiras dos pendellos-expositores que non entraron nesta restauración, completar a homoxeneización dos pavimentos, etc. E dedicalas definitivamente ao uso tantas veces sinalado: Centro Expositivo das Feiras, Museo Etnográfico, mesóns de feira, cafetería, sala de exposicións e oficina de información turística, miniauditorio, albergue-pousada distribuído en cubículos para ofertalo ao turismo de grupos ou individuos, locais sociais para grupos políticos ou asociacións diversas do concello, talleres de artesanía en vivo cedidos mediante convenio aos artesáns que se queiran establecer neste recinto (coñecemos quen se expresou positivamente a este respecto), etc.
Na visita de hoxe vin unha motocicleta encendida nunha calella dos Pendellos. Non dixen nada, pero non me gustou. Dubidei da miña susceptibilidade. Xa non sei siquera se é procedente que entren alí motos tan alegremente. Ao fin e ao cabo quen son eu para coartar a liberdade de desprazamento da que gozamos neste país? Ai, que xa non me lembraba de que neste país cadaquén fai o que lle peta! E que me perdoen, o trabucado son eu, coma tantas veces!

1 comentario:

  1. A alma de Agolada foi a divina feira que nacida e creada en corpo pétreo chegou a nós
    con ansias de perdura; o feito de remozar os pendellos non é máis que de agradecemento a nosa razón de ser, de non haber feira nin pendellos non existiría Agolada. Así tamén se fai honra aos antergos que tanto traballaron e sufriron para que agora os agolenses estean onde están, por desgraza algúns moitos tiveron quer ir a outros lares, pero alí tamén están en xeral ben, e cando ollan a súa terra énchense de orgullo e satisfacción ao ver que non so perduran as pedras senón tamén a memoria remozada do de sempre.
    A moto é unha profanación ao templo da memoria, pero a cultura que pouco a pouco se irá apropiando de todos e faranos cada vez máis sensibles.
    Iso debe ser explotado culturalmente sobre todo, aínda que a cultura tamén costa.
    Desde O Pico Sacro.

    ResponderEliminar