A imaxe de arriba foi a súa primeira fotografía, tomada sen flash, no interior da casa dos seus tíos, aos que retrata no día da festa.
O propio Jesús Faílde quixo perpetuar a memoria do boi de raza rubia autóctona, sempre orgullo e fachenda nunha casa labrega.
A ledicia dos irmáns no día da Primeira Comuñón do que figura á dereita. Todo un detalle a tarima para o máis pequeno e a timidez que amosa ao esconder a mirada á camara.
Diversión dos mozos de Friufe. Un deles cun bitillo na cabeza e prendido polas ventas coa argola de levar os cuxos á feira. Os que aparecen en segundo plano celébrano con sorrisos cómplices. Excelente composición e unha lección de costumismo.
Jesus Faílde partindo na leña diante da ventá do vertedoiro. A muller que sorrí tras a ventá pertence a ese marabilloso grupo de personaxes que sempre aparecen retratados sen ser o motivo da imaxe. Son uns secundarios de luxo, o claque imprescindible para realzar o que figura en primeiro plano, os que soen adoptar unha maior naturalidade. Sen eles, as imaxes terían menos substancia.
Pitiños, galiña, gato e can (Pinto). Todos na eira, en liberdade, onda a pía, coas mulleres da casa...
Aldea pura, a que foi, porque os tempos cambian e agora é algo diferente. Aldea con eivas e defectos, con escaseza de moitas cousas, pero chea de vida, de alma, de sentimentos, de inquedanzas, de ilusións... A cultura tamén vive nas aldeas, nace nas aldeas, bebe no rego fondo dos ancestros e espállase timidamente polas escasas canles que posúe...
Todas as fotos que aparecen son fermosas pero a última ten un enorme contido, describe algo entrañable e inmenso dese mundo tan pequeno que antes viviamos na nosa nenez, cando os gatos non eran atropelados polos coches, as galiñas tiñan maís libertade que hoxe moitos humanos, e os pitiños tiñan nai, o canciño conformábase cun codelo de pan, moitas veces compartido polo/a amo/a; xentes de loitos eternos e mozas de longas esperas...
ResponderEliminarGrazas ao sr. Failde por facelas e a ti por amosalas.
Mellor ano, para todos, que o veciño pasado.
Desde O Pico Sacro.
Este fotógrafo merece darse a coñecer porque creo que posúe muitas cualidades artísticas: dominio da luz, encadres logrados, fotografías con mensaxe e con vida.
ResponderEliminarVamos, toda unha marabilla.