O acervo musical de Agolada ten como primeiros referentes a Andrés Vilariño, José Oro Val, Clemente Lamela e Sidorio Diéguez, entre outros. Luís Araque foi o gran mestre, zaragozano de orixe e aqualatense de adopción. Todos eles desenrolaron o seu labor artístico ao longo do pasado século.
O presente é rico e prometedor. Ás agrupacións musicais existentes débenselle sumar individualidades que por distintas vías ocupan lugares destacados no panorama musical actual. Estou a falar de Juan Manuel Eiras Tojo, Nilo García Armas, Carlos Mazás e Juan Lois Diéguez.
Deste último traemos hoxe a súa reseña biográfica e a feliz publicación en Youtube da súa obra "Muiñeira dos Pendellos". Esta composición de Juan Lois Diéguez, que desde aquí lle agradezo publicamente, representa un esforzo máis nesa tarefa de dignificar e divulgar o recinto singular de Os Pendellos. Cadaquén coa súa aportación, importante unhas veces ou humilde noutros casos, axuda a construír un referente que non é só espazo material, debería ser un espazo revestido de historia, de vida, da maxia e do misterio que atesoura no decurso dos séculos. A cultura inmaterial arredor dos Pendellos, a creación artística que se teza tendo como musa este antigo mercado, son perpiaños rexos para construírmos ese futuro que arelamos para o vetusto barrio de feira de Agolada.
Aproveito para deixar constancia da evolución das obras de restauración nos Pendellos nos últimos meses. Queda moito por facer, pero canto se leva conquerido! É unha realidade, non unha entelequia! E o máis importante, a sociedade aqualatense, os políticos locais, provinciais e autonómicos están convencidos xa e ilusionados co futuro e potencial do conxunto. Tardará porque os cartos non se inventan, iso non importa. Importa, que aínda que sexa aos poucos, isto non pare. E entre todos a coidalos e a enchelos de actividade! Así debería ser. E o que debe ser, ten que ser! Os letreiros que anuncian o conxunto histórico nas catro entradas principais da vila de Agolada foron medrando en tamaño proporcionalmente ao interese e expectativas xeradas e á implicación das diferentes administracións.
Non cansarei de felicitar a todas as persoas que vos implicastes na recuperación dese entorno dos Pendellos para poñelos en valor e dotar a esa vila dun plus etnográfico de primeira magnitude.
ResponderEliminarAs notas da Muiñeira dos Pendellos serán, sin dúbida, uns magníficos compases para o día da súa re-inauguración.
Apertas de Antas