
Vaia primeiro un saúdo agarimoso aos seguidores desta páxina e en segundo termo unha desculpa por este período de silencio intencionado. Un pouco de cansancio e un algo máis de desencanto motivaron esta persoal noite de pedra. Como unha forma de protesta calada, quizais inútil, pero sentida. Teño escoitado que a ilusión é o motor da vida. Ilusión por ferrados acugulou de páxinas este blog. A ilusión presidiu desde os inicios este caderno. Perdín parte desa ilusión. Pero, agora que o penso... xa non sei se a perdín (como unha carteira) ou se andarían os carteiristas ceibos pola feira da vida a faceren das súas falcatruadas.

Pasou o verán, inadvertido, orfo de canículas e roibéns. Eu andei enredado en tarefas prosaicas. A poesía arrecantada. Pero quixo a fortuna sorprenderme nunha revolta do camiño. Comezaba a época estival cando a beleza me saíu ao encontro enfundada en brancura vexetal, coa ledicia condensada no sorriso dos pétalos.

A mirada cautiva namorouse atrapada na albura de finos contrastes.

Marabilla e prodixio da natureza. Filigrana de níveo encaixe.

Arquitectura de entramado radial. Cúpula clorofilada. Flores da miña terra!
Flor de belo nome (angelica sylvestris). Brancura de papel, alma de muller!
Sempre veño con ilusión visitar este espazo, e sempre me sorprenden os teus artigos. Hai ocasións ou tempadas, nas que se fai nesesario tomar un período de descanso e permanecer en silencio como reconstituínte. Alédame moito que queiras seguir compartindo.
ResponderEliminarAs imaxes e as palabras que nos achegas, son unha marabilla de agasallos!
Unha aperta
Moitas gracias por volveres escribir. As fotos desa flor descoñecida (é a dos brizos, ou non?) son deliciosas.
ResponderEliminarPois benvido a este mundo.
ResponderEliminarNon sempre saen as cousas como cremos que teñen que saír e daí que teñamos incomodos co mundo. Pero teñen que pasar e tiraremos para adiante.
A flor, fermosísima nas túas fotos,seméllame unha milenrama ou herba dos carpinteiros
Todo un pracer volver a "escoitar" as túas palabras ben cosidas neste liño virtual.
ResponderEliminarEncaixe de Camariñas o que fixeches con esta serie de imaxes magníficas (xa me contarás como te cocolocaches para algunha das tomas...).
Apertas
Como sempre, non deixas de marabillarnos das cousas que dis e de como as expresas. Parabéns por todo canto fas!
ResponderEliminar