7 de outubro de 2011

ASÍ NON

A vida é un camiño, non exento de atrancos. Mentres vivimos camiñamos na procura dun ideal soñado, que a realidade se encarga de desmitificar. Arelamos un mundo perfecto, sen mácula, habitado por seres solidarios, cidadáns comprometidos, adaís do civismo e da convivencia... Arelas, case utopías, que se dilúen coma fume no horizonte.
Somos imperfectos. Todos. Uns máis ca outros. Tropezamos e caemos. Din que a superación consiste en saber erguerse despois da caída. Pero caemos... nos erros, na comodidade, no incivismo, no cainismo, na inmoralidade... Enchemos o camiño de lixo, amoreamos os refugallos da alma nas gabias que sulcan o noso itinerario. Indebidamente, aleivosamente. Arroxamos as miserias colectivas e particulares en calquera recanto, obstaculizando o natural discorrer da auga inocente, compartida e necesaria.
Así non. A vida debe aspirar a ese ideal soñado. Un espazo digno e dignificado, desprovisto de baixezas e pequenas insidias. O camiño da vida debe ficar expedito, libre de obstáculos gratuítos, inmune á bile dos que derraman fel en cada un dos seus actos e xestos.
Así non. Pero a vida é como é. Uns dedícanse a emporcar as calzadas e beiravías e outros máis tarde terán que aplicarse na asepsia de limpar e desinfectar para non soportar tanta desfeita e ignominia.

2 comentarios:

  1. Sempre me entristecen estes refachos de tontería que acompañan ó ser humán. Sendo capaces de construir o acueducto de Segogia en tempos dos romanos, parece mentira que no s. XXI non seamos capaces de saber onde desfacernos do lixo.
    Unha aperta!

    ResponderEliminar
  2. Ogallá chegue o día en que todos os docentes teñan a mesma sensibilidade ca ti, e sexan capaces de transmitila aos nenos/as; isto é unha ofensa e un desprezo a naturaleza e a todos.
    Desde O Pico Sacro.

    ResponderEliminar