29 de outubro de 2011

MARCO XURISDICIONAL DE CARMOEGA

Mapa de Galicia no Antigo Réxime. Neste mapa de Fernández Oxea recóllense como topónimos pertencentes ao actual concello de Agolada os seguintes: Reboredo tierra, río Arnego, Carmorga (actualmente Carmoega) e P. Carmorga (Ponte Carmoega).
No Antigo Réxime o territorio galego estivo organizado en sete provincias. Cada provincia dividíase en diferentes xurisdicións (os actuais concellos constituiríanse en 1833-1834), administradas por un escribán e un xuíz e baixo o señorío dalgún mosteiro, institución ou nobre. O que hoxe denominamos Agolada estaba repartido en catro xurisdicións diferentes:
XURISDICIÓN DE VENTOSA: formada polas parroquias de Ventosa, A Baíña, Bais, Esperante, Ferreiroa, Gurgueiro, San Mamede de Lamas, Merlín, Santa Comba, Val de Sangorza, Vilariño, Sesto, Agra, As Trabancas, Santa María de Basadre, San Estevo de Basadre e Ramil.
Nesta xurisdición exercía o seu señorío o arcebispo de Santiago.
XURISDICIÓN DE BORRAXEIROS: integrada polas parroquias de San Xoán de Couso, San Miguel de Cabanelas, Santiago de Eidián, Santalla de Artoño, Santa María de Berredo e Santiago de O Sexo.
Exercía o señorío nesta xurisdición o conde de Borraxeiros.
XURISDICIÓN DE CARMOEGA: Formada unicamente pola parroquia de Carmoega na que exercía o señorío a obra pía do Santi Spiritus de Melide.
Non deixa de ser sorprendente o caso desta parroquia tendo en conta que non era frecuente encontrar xurisdicións monoparroquiais e tamén por aparecer grafiado o seu topónimo no mapa de F. Oxea, así como a súa ponte de orixe medieval.
Cabe indicar igualmente que a parroquia de Brocos non pertencía a ninguha das anteriores xurisdicións senón a de Abeancos que estaba formada por parroquias dos actuais concellos de Santiso e Melide.
É preciso sinalar tamén que aquí se citan parroquias que hoxe non o son porque nalgún momento da historia posterior pasaron a integrarse en parroquias colindantes: San Mamede de Lamas integrouse en As Trabancas, San Miguel de Cabanelas e San Xoán de Couso pertencen na actualidade a San Cristovo de Borraxeiros e as parroquias de San Estevo de Basadre integrouse en Santa María de Basadre.
En relación co contexto anterior quero traer hoxe a descuberta dun marco pétreo nos lindeiros da parroquia de Carmoega onde esta limita co lugar da Feira Nova de Brántega. Conversando con Xosé Fernández Soengas, veciño da Feira Nova, do antigo camiño que comunicaba a Filgueira, lugar da parroquia de Carmoega, co resto da parroquia informoume da existencia deste singular fito granítico adornado dunha sinxela cruz en altorrelevo. Inmediatamente todos os referentes me levaron a especular coa posibilidade de que se tratase dun marco xurisdicional (coma os marcos das leiras, pero máis importante porque delimitaban termos xurisdicionais). Que sexa de cantería nunha zona onde a pedra só é esquistosa, que estea na beira dun camiño valado que marca a divisoria das parroquias de Carmoega e Brántega e que nel figure unha cruz, quizais alusiva ao Santi Spíritus de Melide, concédelle suficiente relevancia para rescatalo do esquecemento e divulgar a súa existencia desde a humildade mediática deste caderno.
O valado que pode verse nesta imaxe, cuberto de vexetación, delimitaba o camiño que ascendía desde Carmoega ata a Filgueira. Incrustado nel e cuberto de hedra ocultábase esta pequena parafita xurisdicional.

1 comentario:

  1. Pois sóame ben o nome de Carmorga. Seguriño que ti xa estudaches a evolución ata o nome actual; pero non sería debido a unha confusión dos fonemas "r" polo "e"?.
    Apertas dende a xurisdición do Castro de Amarante

    ResponderEliminar