Mapa de Galicia no Antigo Réxime. Neste mapa de Fernández Oxea recóllense como topónimos pertencentes ao actual concello de Agolada os seguintes: Reboredo tierra, río Arnego, Carmorga (actualmente Carmoega) e P. Carmorga (Ponte Carmoega).
No Antigo Réxime o territorio galego estivo organizado en sete provincias. Cada provincia dividíase en diferentes xurisdicións (os actuais concellos constituiríanse en 1833-1834), administradas por un escribán e un xuíz e baixo o señorío dalgún mosteiro, institución ou nobre. O que hoxe denominamos Agolada estaba repartido en catro xurisdicións diferentes:XURISDICIÓN DE VENTOSA: formada polas parroquias de Ventosa, A Baíña, Bais, Esperante, Ferreiroa, Gurgueiro, San Mamede de Lamas, Merlín, Santa Comba, Val de Sangorza, Vilariño, Sesto, Agra, As Trabancas, Santa María de Basadre, San Estevo de Basadre e Ramil.
Nesta xurisdición exercía o seu señorío o arcebispo de Santiago.
XURISDICIÓN DE BORRAXEIROS: integrada polas parroquias de San Xoán de Couso, San Miguel de Cabanelas, Santiago de Eidián, Santalla de Artoño, Santa María de Berredo e Santiago de O Sexo.
Exercía o señorío nesta xurisdición o conde de Borraxeiros.
XURISDICIÓN DE CARMOEGA: Formada unicamente pola parroquia de Carmoega na que exercía o señorío a obra pía do Santi Spiritus de Melide.
Non deixa de ser sorprendente o caso desta parroquia tendo en conta que non era frecuente encontrar xurisdicións monoparroquiais e tamén por aparecer grafiado o seu topónimo no mapa de F. Oxea, así como a súa ponte de orixe medieval.
Cabe indicar igualmente que a parroquia de Brocos non pertencía a ninguha das anteriores xurisdicións senón a de Abeancos que estaba formada por parroquias dos actuais concellos de Santiso e Melide.
É preciso sinalar tamén que aquí se citan parroquias que hoxe non o son porque nalgún momento da historia posterior pasaron a integrarse en parroquias colindantes: San Mamede de Lamas integrouse en As Trabancas, San Miguel de Cabanelas e San Xoán de Couso pertencen na actualidade a San Cristovo de Borraxeiros e as parroquias de San Estevo de Basadre integrouse en Santa María de Basadre.
O valado que pode verse nesta imaxe, cuberto de vexetación, delimitaba o camiño que ascendía desde Carmoega ata a Filgueira. Incrustado nel e cuberto de hedra ocultábase esta pequena parafita xurisdicional.
Pois sóame ben o nome de Carmorga. Seguriño que ti xa estudaches a evolución ata o nome actual; pero non sería debido a unha confusión dos fonemas "r" polo "e"?.
ResponderEliminarApertas dende a xurisdición do Castro de Amarante