10 de abril de 2014

INSCRICIÓN FUNDACIONAL DA PONTE MEDIEVAL DE TOIRIZ (VILA DE CRUCES)


Hai case sete anos falei neste caderno da ponte medieval de Toiriz (Vila de Cruces), asentada nunha importante vía que servía para o tránsito cara a Santiago desde as terras da Alta Ulloa e as que outea o Farelo. Daquelas non puiden aportar ningunha imaxe da inscrición fundacional da ponte, pois aínda non dera con rocha epigrafiada. A primeira imaxe que puiden obter (fotografía superior) foi por xentileza do profesor e escritor Gonzalo Navaza Blanco, a quen lle expreso aquí publicamente o meu agradecemento.
A semana pasada, nun traxecto rutineiro por Toiriz, observei unhas obras á beira da actual ponte e intuín axiña do que se trataba. Foi unha ledicia poder ver as perfectas grafías en baixorrelevo esculpidas na rocha. Noutras tres ocasións anteriores andara a buscala sen éxito.
Neste fragmento da Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán, publicada en 1845, poden observarse con detalle o río Arnego coas tres pontes medievais aínda existentes naquela data (Vilariño, Carmoega e Toiriz). Río arriba aínda perviven en pedra as arcadas das pontes románicas de Os Cabalos e Pedroso. Igualmente vemos os principais camiños que vertebraban este territorio. O que pasa pola ponte Toiriz sobe a "Las Cruces", continuaba por Carbia, Piloño, Ponte Ledesma, Boqueixón e Santiago. Por descontado que tiña bifurcacións en múltiples direccións. Pero este é o paso natural e máis lóxico para viaxar desde as terras de Agolada, Antas de Ulla e Monterroso cara a Santiago, destino obrigado no caso de Agolada, pois no Antigo Réxime Agolada pertenceu á provincia de Santiago e a Xurisdición de Ventosa sempre foi do señorío do Arcebispo compostelán.
É clarificador observar  como este camiño percorre lugares de importancia na Idade Media: o castelo de Borraxeiros, o mosteiro de monxas bieitas de Órrea, o mosteiro de monxas de Toiriz, o mosteiro de Piloño, o mosteiro de monxas benedictinas de Camanzo...

A inscrición está gravada na rocha esquistosa cunha lenda aproximada :"LAVORABERUNT ISTA PONTE:ERA:DCC.. (Ano 877) ET FUIT PERFECTA PRIDIE ..."

A inscrición leva aí once séculos e pico, pero é neste momento cando o Concello de Vila de Cruces intervén acertadamente no entorno para expoñer ao público o valor documental e arqueolóxico que confirma a importancia do lugar e a antigüidade da ponte de madeira xa desaparecida, da que aínda quedan os peares das orelas semiderruídos. Contrasta este feito co abandono e o esquecemento  doutras inscricións existentes nos concellos de Agolada e Lalín e descoñecidas para a inmensa maioría da xente: na Ponte dos Cabalos  (ano 970) un dos perpiaños do peitoril xace no leito do río coa inscrición fundacional. Na Ponte medieval de Vilariño (ano 814) a inscrición na rocha é inaccesible pola bouza que medra na calzada (esta calzada é quizais unha das mellor conservadas da comarca, con cóbados e socalcos característicos das vías romanas), na Ponte de Mourazos (ano 862), na banda de Agolada, a rocha coa inscrición fundacional da ponte xace no fondo da ribeira esquerda ao pé do pear da ponte. Acabou alí como consecuencia da apertura e ancheamento do antigo camiño para dar paso a unha pista forestal. 

Por todo iso, a actuación que agora se leva a cabo en Toiriz é plausible, meritoria e pioneira. Cómpre que cunda o exemplo e os demais concellos imiten esta revalorización do patrimonio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario