13 de decembro de 2014

20 ANOS CON BICO DA BALOUTA

BICO DA BALOUTA nos seus inicios (arriba). Nunha toma máis actual (abaixo).
 Esta entrada está esperando desde o día 31 de maio. Aquel día Bico da Balouta estaba novamente de festa. E que festa! Merecida. Arroupada polos amigos e os veciños. Viñan de editar o seu primeiro disco para conmemorar os seus 20 primeiros anos de feliz traxectoria musical. Fermosa maneira de celebralo, editar un disco co que honrar aos amigos.
E digo que esta entrada está esperando porque eu quero testemuñarlles desde aquí o meu recoñecemento e o meu afecto. E porque sei a importancia que este colectivo ten no noso concello: alegra, dinamiza, emprende, apoia, persiste, anima... fai revivir. A música está intimamente ligada á alegría e á festa. E iso é o que nos aporta: alegría e estímulo. A música viste de solemnidade os actos culturais ou calquera evento que congregue ao público. E aí encontraremos sempre a Bico da Balouta. Agora tamén enlatado en forma de CD.



 Non faltaron os agradecementos nin os agasallos, nin a palabra agradecida e emocionada.

 Non faltaron os mestres gaiteiros Roberto Sala, Manuel Varela e Raúl Galego.
 As voces dos irmáns Blanco Iglesias soaron acompañadas polos gaiteiros de Bico da Balouta e Raúl Galego.
A tarde-noite foi unha festa no entorno dos Pendellos e no Merendeiro do Arnego.
Alfonso, o gran animador deste colectivo, pediume colaboración para este disco. Quería unha presentación-semblanza para a carátula interior do CD. Froito desta petición é o texto que vos deixo a continuación:
En Vilariño das Caldelas o Arnego baixa anchuroso e tranquilo para recibir hospitalario o agasallo líquido do Rego das Abellas. O monte da ribeira aqualatense describe neste recanto un perfil aguzado de punteira que a toponimia sabiamente designou como O Bico da Balouta (Vallem Altam). Nesta mesma parroquia xermolou hai dous decenios un grupo de gaiteiros que encontrou neste nome e nesta paraxe os referentes que o identifican. Do bosque importou os trilos dos velaugarridos para inspirar palletas e punteiros; do vello río aprendeu ese murmurio perenne no que se expresa o roncón; do ceo limpo da contorna tomou o alento para acugular foles de ledicia. A percusión agromou espontaneamente ao compás do antigo mazadeiro e dos muíños roulóns que balizan a ribeira. Así, a música deveu muiñeira, pasodobre, xota e alalá e as tabernas de Agolada, a Praza e os Pendellos souberon/saben da “parranda” musical e da festa-compromiso deste colectivo de gaiteiros, das súas iniciativas, das súas voces enxebres  baleiradas en cantos populares para a festa e a alegría.
         Hoxe alegramos cos seus vinte anos de fecunda traxectoria musical, saudamos e agradecemos a edición do seu primeiro disco titulado “Na Praza da Randulfa”, co que queren celebrar esta efeméride. O título escollido provén doutro espazo simbólico na historia deste grupo. A Praza da Randulfa acolle anualmente a festa homónima  que congrega en agarimo e algarabía decenas de gaiteiros, folclore e etnografía de diferentes lugares grazas ao  denodado impulso de Bico da Balouta.
         O disco contén pezas tradicionais con algúns arranxos propios, que transitan desde a rumba ao pasodobre e desde as ribeiranas ás muiñeiras. De entre elas sobresae a Muiñeira da Balouta, con música orixinal de Manuel Varela e letra concebida por todo o colectivo mentres andaba de “foliada na do Costa, romería no da Fina e unha boa enchedola na taberna da Oliva”.
         Saudamos e felicitamos a Bico da Balouta por este froito novo no seu amplo panorama de traballo e compromiso, que abarca intercambios musicais con Francia e Irlanda, exposicións, conferencias, edición de vídeos, concursos de espantallos e sempre a súa música como bandeira enarborada para erguerse como himno reivindicativo en múltiples causas xustas.
         Como epílogo a esta reseña só resta desexarmos longo e fecundo futuro a este entrañable e querido grupo de amigos-gaiteiros.                    Manuel Busto Galego


Moitas grazas pola plaquiña de agradecemento:

2 comentarios:

  1. Como pasan os anos!. Na primeira foto case non recoñezo ao meu amigo Varelita. Parece un raparigo.

    Fermoso traballo e admirable tesón o dese grupo aqualatense. Parabéns para eles e a ti por ser testemuña e colaborador.
    Apertas

    ResponderEliminar
  2. Unha aperta amigo Chousa. Alédame saber de ti novamente.

    ResponderEliminar