17 de abril de 2015

OPTIMISMO PARA OS PENDELLOS DE AGOLADA

Nos últimos anos, poucas cousas hai que inviten ao optimismo. Tanta crise, tanta corrupción, tanto paro, tanta deserción do rural, o despoboamento das vilas e das aldeas, o éxodo imparable, o saldo vexetativo sempre  negativo, o estoicismo ineficaz... Todo iso conduciunos á desesperanza e á claudicación ante as dificultades. Nestas difíciles circunstancias raras voces se ergueron para alentar e pregoar algún atisbo de optimismo. A sociedade semella anestesiada. Necesita líderes rexos, traballadores e clarividentes. Líderes para traballar e para reclamar a aportación de cadaquén. Creo que só con traballo, con moitas pequenas ou grandes accións individuais se pode saír deste profundo burato. Volve ser necesaria  a máxima kennedyana do que "podes facer ti polo teu país". Por favor, deixa de pensar en papá-Estado!
As obras que se están a facer agora mesmo nos Pendellos de Agolada son un estímulo para o optimismo. Así mo parece. Pero non chega con que a Deputación veña a investir 236.000 € para arranxar 22  casetas-almacén. Cómpre máis implicación da sociedade, o compromiso e a contribución de cada un dos veciños de Agolada, especialmente o sector da hostelería e o do comercio. Os tres días da Feira Corazón da Artesanía foron e son un grande revulsivo, que debería multiplicarse en eventos varios para os Pendellos. As mostras de Artesanía, os campamentos musicais con concertos nos Pendellos enchen a humilde vila de Agolada de actividade, de algarabía e de alegría. Onde hai xente, hai cartos. Hai que traer xente. Ás feiras, ás mostras, aos concertos, ás pousadas, aos mesóns. Como se dicía antes: Onde non chegues, manda recado. Ficar inactivos só conduce ao esmorecemento. Se se lle quere ver o tirón aos Pendellos hai que fixarse no que xa funciona e imaxinar o que podería funcionar e poñerse mans á obra co aporte de todos.
Respecto das obras, quero dicir que me parecen moi necesarias e interesantes, moi ben ideadas, con solucións enxeñosas, especialmente as que aproveitan algunhas das casetas para ser reconvertidas en expositores. Con estas obras gáñanse cinco pendellos para exposición e dúas casiñas de dous andares con igual fin (unha na praza da Randulfa e outra na praza do Mel). As casetas poden aproveitarse igualmente para distintos fins, ben arraxandas, coas súas instalacións. Con iso o recinto gaña en corpo e en uso, vaise consolidando paulatinamente. Os pendellos de sempre para o século XXI, para novos eventos e novos usos, así entendo eu este proceso de recuperación, por se a alguén lle importa. 
Gustaríame que algúns particulares que nin venden, nin restauran, nin usan as súas construcións en zona de protección, teñan algo de sentido común e que permitan que este proceso de recuperación non se free. Canto máis se restaura, máis se evidencian os parches e as patoloxías construtivas con cemento, bloques, etc nas construcións sen restaurar. 
Entre todos temos que recuperar un recinto digno, harmonioso, atractivo e interesante. Como lugar de visita e como espazo comercial e cultural. Sei que a maioría dos aqualatenses aprezan Os Pendellos, son coñecedores do seu valor. Outros, menos. Alguén tenme confesado que empezaron a crer no valor dos Pendellos cando viron as primeiras obras restauradas. Creo que os descridos, neste momento, son poucos; pero aínda queda algún. Temos que seguir no labor de gañalos para esta meritoria causa.
Agora, nos estertores da crise, ou eso din, estas obras acometidas pola Deputación só poden enfocarse como algo esperanzador e positivo. Espero e desexo que moi pronto se lle dean os usos comerciais e hostaleiros proxectados, ademais de recuperar a feira do 12  no interior dos expositores. E un Museo.














Ningún comentario:

Publicar un comentario