A zona máis funcional era o curro, que viña ser unha síntese das tres descritas, como agora veremos. O curro, de grandes dimensións, tiña un portal bastante ancho, xa que por aquí, como acceso principal da casa, debían pasar as persoas e as xugadas de vacas cos carros; nunha parte estaba cuberto e noutra non, o cal pode explicarse debido a que, por unha banda, era necesario dispoñer dun cobertizo suficientemente amplo para gardar os carros, arados e outros apeiros, e para poder realizar ao abrigo traballos moi diversos: de carpintería (mangos de ferramentas, zocos), a matanza dos porcos, esfollar o millo, partir leña ou extraer unha brocha da pezuña dunha vaca, por citar uns poucos casos. Pero, ao mesmo tempo, para moitos dos labores que sinalamos como exemplos, era fundamental a luz natural, que podía entrar por ese anaco descuberto do curro. Este mesmo espazo era aproveitado tamén para que animais como os porcos, que permanecían recluídos en cortellos bastante reducidos, puidesen fozar e esparcirse algo máis, en contacto co sol e o aire, durante algunhas horas.
Tamén aquí estaban servizos como os celeiros, o forno ou a moa de afiar, cuxa importancia era obvia.
Así que se pode ver que era un espazo polivalente, para persoas que traballaban aquí ou pasaban por aquí cara a outro sitio; para os animais, como acceso ás súas cortes; e tamén era un lugar de almacenamento e servizos. Era como a síntese da vida agrícola e gandeira.
A vida cotiá da familia desenvolvíase a maior parte do día, e bastantes horas da noite, na cociña, situada na planta baixa, e con saídas ao curro, ás cortes, aos cuartos (encima das cortes), e outra directamente ao exterior, a unha leira que había diante da casa. Malia que cando eu contaba cinco anos foi substituída por outra máis moderna, acórdome un pouco da cociña de lareira. O chan era de lousas de pedra, e sobre unha colocada máis alta, o lar, facíase o lume: fogueira ao redor da cal nos quentabamos nas frías noites de inverno, fonte de calor para cociñar (colocando as potas encima do trébede, que nós chamabamos trespés) e cocer a comida - patacas, nabos, verzas- dos porcos, colgando os caldeiros ou os potes na gramalleira (cadea formada por argolas e suxeita a un madeiro con forma de ángulo, que se podía virar, para situar o pote sobre o lume ou separado deste); o fume, ás veces moi abundante, servía para curar os chourizos e as carnes dos porcos colgados no canizo (entramado de ramas colocado encima do lar).
A ama da casa -a miña avoa, normalmente- acendía o lume á alba, ou antes, quizáis sobre o mesmas ascuas do día anterior, ía botando leña e poñendo varias olas, e, cunha cocción moi lenta, elaboraba as tradicionais e ricas comidas entre as que sobresae o caldo, prato diario e primordial na nosa alimentación, que facía poñendo a ferver a auga e logo botando os distintos ingredientes: primeiro as fabas e o unto, e un pouco despois as patacas e a verdura.
A artesa, arca de madeira que se utilizaba primordialmente para amasar e gardar o pan, servíanos de mesa. Logo da cea, adoitábase rezar o rosario en familia e, sobre todo nas longas noites de inverno, charlábase ao redor do lume, planeando os traballos da xornada seguinte ou comentando cousas que pasaran polo pobo; ou se xogaba a partida ás cartas con algún veciño que viña. E tamén os pais axudaban aos fillos nas tarefas escolares. Aínda recordo aquel día en que cheguei á casa cunha conta na pizarra e díxenlle ao meu pai: “Papá, ten que ensinarme a dividir”.
Neste lar había bastante comunicación entre todos os que alí conviviamos. E non se perdía nunca o control sobre a situación xeral, de maneira que se podía estar pendente dunha porca parturenta, por exemplo, porque era fácil oír os seus ronquidos, ou acudir ao sentir os choros dalgún bebé que espertou no cuarto, ou saír á porta porque alguén -de viva voz, de forma que case sempre se sabía quen era- chamara.
Na parte máis baixa estaban tamén as cortes. Nós tiñamos, no que constituía o casco central da casa, cinco cortes duns vinte e cinco ou trinta metros cadrados, en cada unha das cales durmía unha vaca; e outras tres máis pequenas, cortellos -algunhas feitos nun recuncho das grandes- para os porcos e tenreiros. Todas se comunicaban co curro directamente ou a través doutras. Sobre o chan botábanse toxos, xestas, fentos e outras ramas de arbustos, e por encima, folla ou palla, para que a cama resultase mol. Estes estratos vexetais que en sucesivas tandas se metían na corte transformaríanse en esterco, que, ao seu debido tempo, habería que sacar e levar ás leiras de labradío como abono para as colleitas. Nos cortellos dos porcos había uns comedeiros, labrados en pedra, e nas dos cuxos, outros máis pequenos de madeira; ás vacas adoitaba poñérselles un pesebre para a herba, construído sinxelamente cuns cantos paus delgados nunha esquina da parede.
Encima das cortes, formando tamén esa simbiose á que vimos aludindo entre a vida do home e a dos animais domésticos, estaban os cuartos. Nós tiñamos tres, en dous niveis. Había algúns factores que contribuían a que non fosen excesivamente fríos: as anchas paredes exteriores de pedra e barro, o piso e teito de madeira (táboas de piñeiro ou castiñeiro, polo xeral) e a calor producida polos animais que durmían debaixo.
Para rematar, dentro deste cascarón principal da casa había outras dependencias para servizos. Unha delas, o celeiro, estaba destinada a almacén: alí gardábanse as patacas ou a herba verde, e tamén, nunha gran alacena de pedra, se salgaba a carne de porco. Encima da corte denominada “Cociña vella” (por ser en tempos cociña), estaba a palleira, destinada a gardar a herba seca. E nun dos laterais do curro, xunto ao portal, en 1952, construíran o forno, todo de pedra, claro, e vital para a subsistencia, pois nel cocíase o principal alimento das xentes das aldeas: o pan de centeo.
Circundando a casa había outra serie de construcións. A máis recente era unha rectangular, dividida en dúas partes, unha das cales dedicábase a corte (chamada “de fóra” por acharse separada da casa por un camiño), e a outra a galiñeiro. Este, á súa vez, estaba constituído por unha zona interior, onde se recollían as
galiñas pola noite, e outra exterior, rodeada dun aramado, por onde se esparexían e picoteaban ata o escurecer.
Desde o galiñeiro cara á fronte da casa, estendíase un campo chan, no que se combinaban tres cultivos: un prado pequeno chamado por iso “Pradiño”, unha leira de labradío algo maior, na que rotaban os cultivos, e unha horta onde había coles case sempre, e, no verán, leitugas, remolacha, cenorias… Nesta explanada atopábase o pozo, duns dezaseis metros de profundidade; del abasteciámonos de auga para o consumo doméstico durante todo o ano. O pozo tiña un brocal rectangular de pedra que o cubría; e sacabamos a auga tirando dunha roldana (garrucha) colgada na lousa do teito.
Na outra beira do camiño, fronte ao curro, estaba eira, coa palleira e o hórreo. A eira, superficie de pedras rectangulares coa cara superior lisa, estaba destinada á malla, de modo especial á do centeo; a súa forma era cadrada.
Nun dos laterais da eira estaba o hórreo, construción típica existente en todas as casas. Tres alicerces de cantería sostiñan o chan, tamén de pedra, desde onde se colocaban pontóns de madeira verticais ata o teito, deixando unhas estreitas regandixas intermedias. Estas eran necesarias para a ventilación, pois o hórreo era un celeiro onde se gardaban as espigas de millo para que se secasen.
Situado noutro dos lados de eira, estaba a palleira. O seu aspecto era de cobertizo ou alpendre, de paredes non moi ben feitas. Esta palleira non se dedicaba ao seu uso ordinario de depósito de palla ou herba, senón que aquí tiñamos as arcas de madeira, receptoras dos grans secos de millo ou centeo, e a leña que se ía consumindo na cociña. Aínda que sempre había algo máis: escadas, arados, grades: era como un trasteiro.
Velaí, con grandes pinceladas, a contorna inmediata á casa. Na miña paisaxe rural infantil, calquera espazo é dunha importancia enorme, porque todo ten unha función na vida, desde aquel oco escondido na parede dunha corte, no que talvez se gardaba un bote con cravos vellos, ata a pereira ou a maceira que producían tan rica froita. Sería prolixo entón enumerar recanto por recanto.
Así que, xeralizando o mesmo que ata aquí, irémonos a terras un pouco máis afastadas, pero que integraban igualmente a nosa facenda.
Os labradores medían a riqueza considerando a superficie das terras, e o número de vacas que aquí podían manterse. En tal sentido, os meus pais eran dos que estaban un pouco por encima da media da parroquia, aínda que había familias moito máis ricas.
As leiras clasificábanse en tres tipos: prado, labradío e monte. Tendo en conta a proximidade á casa, atopabamos en primeiro lugar as terras de labradío ou leiras, orientadas case todas ao sur, no val cara ao río Arnego. A maioría, minifundios, separados sempre dos colindantes por setos de pedra, de arbustos e matas ou simplemente de herba. No traballo interviña ou ben directamente o home cavando, segando, etc. ou o home utilizando a xugada de vacas como animais de tiro, para arrastrar o arado, a grada ou o carro.
O conxunto das terras de labranza constituía o agro, que se dividía en dúas mans (é dicir, dúas áreas: agro de arriba e agro de abaixo) nas que se ían rotando os cultivos, de modo que as colleitas repetíanse na mesma man cada dous anos: si un ano no agro de arriba había centeo, ao seguinte sementaríase millo, e no de abaixo, á inversa.
Os dous sinalados, xunto coas patacas, eran os cultivos básicos, posto que as patacas e o pan de centeo, logo explicaremos o proceso de obtención entraban dalgunha forma en todos os menús; doutra banda, o centeo e o millo en forma de gran ou de fariña e os tubérculos dábanselle ao gando vacún e porcino, fonte, á vez, doutros dous alimentos tan importantes nas casas de labranza como o leite e a carne.
De forma extractada, relataremos o ciclo dos tres cultivos mencionados. Sementar o centeo era “outonar”, aínda que esta faena non se fixese en outubro (“outono”) senón en novembro e decembro. Seguindo o proceso de alternancia, as terras que habían ter o millo, labrábanse co arado de ferro, de vertedeira. Logo había que sacar o esterco, un traballo duro, no que adoitaban intervir polo menos tres ou catro persoas cunha ou dúas xugadas: na corte había dous homes para arrincalo e cargalo; outro ou outros, con senllas xugadas, carretábano ata a leira, onde o descargaban en moricos en ringleira.
Unha sensación moi agradable ao oído era a do “canto” dos carros, ese chirrido que se producía ao virar o eixe; curioso: nese frotamento dunha madeira con outra, uns carros cantaban máis que outros, e cada un tiña un son característico, que variaba tamén segundo o tipo de madeira, peso da carga… Toda unha polifonía. Logo, encima desa terra labrada, íanse estendendo con forquillas os restos curtidos dos vexetais, de maneira que cubrisen toda a superficie da leira. E xa viña sementeira propiamente dita, con dúas fases: primeiro o sementador, case sempre o meu pai, pois este era un dos traballos especializados, cun paso moi lento, dun extremo a outro da leira, e seguindo as “carreiras” (bandas de anchura variable marcadas previamente cunhas poliñas cravadas en ringleira), ía lanzando a voleo puñados de gran, collidos dun cesto que levaba no brazo. Seguidamente, tamén o meu pai, co arado de pau, había de asucar ou derregar a leira, enterrando así o gran e o nutritivo abono. El camiñaba tralo arado, guiándoo cunha man e levando na outra unha vara
O sucar mellor ou peor a terra dependía, fundamentalmente, do arador, aínda que este non podía realizar ben o seu traballo se non tiña boa coordinación co que dirixía a xugada; o adestramento e a docilidade das
O labrador deixara o seu gran enterrado e xa non volvería facer labor algún nestes campos sementados ata cando o froito estivese maduro, o que sucedería, se todo ía ben, alá por xullo.
Na época de principio do verán coincidían os traballos da recolección do centeo e da herba, ambos de gran importancia, como xa explicamos, porque estaba en xogo nada menos que asegurarse o pan de todo o ano e conseguir a forraxe para sustentar as vacas durante o inverno.
As imaxes en branco e negro son de Ton van Vliet.
É importante non esquecer eses tempos que nos semellan tan lonxe no tempo.
ResponderEliminar