2 de marzo de 2015

PENDELLOS DE AGOLADA, ENTRAÑABLES E MÁXICOS

É licito aspirar a unha restauración íntegra de Os Pendellos de Agolada. 

É licito soñar un futuro prometedor para este espazo arquitectónico, máximo referente das construcións das feiras tradicionais galegas.
É xusto expresar que os investimentos que se fagan neste conxunto non son en absoluto un dispendio, senón unha esperanza e un revulsivo para a economía do concello e da comarca. Para iso cómpre darlle os usos xa estudados e anunciados.

É xusto recoñecer o innegable valor arquitectónico popular do recinto e a fotoxenia e o pragmatismo das construcións.
É unha obriga expresar a sensible mellora do antigo mercado despois das catro fases de restauración.
É imprescindible conservar en dignidade este patrimonio herdado para memoria das feiras das futuras xeracións e para os presentes usos dos cidadáns do século XXI.
É lícito aspirar a encher de vida as canellas e os mostradores dos pendellos.
É factible un futuro que lle tire rendemento cotián a cada pendello.
É de xustiza reclamar a substitución do alumeado elevado polo instalado nas obras de restauración.
É un exercicio de honestidade reiterar, unha vez valorado o actual, que o alumeado que máis nos convencería é o que proxectase a luz desde o pavimento nas rúas e desde o interior dos mostradores nos pendellos-expositor.
É plausible o esforzo inversor das Administracións  e o compromiso de completar a compra e restauración das restantes construcións.
É requerible e apremiante  a necesidade de insuflarlle vida permanente aos Pendellos coas feiras, cos mesóns, cunha pousada e cun museo.
É desexable que se promovan distintas feiras monográficas (produtos ecolóxicos, mercado de artículos de segunda man, feira de antigüidades ...) á beira da feira do 12 e das marabillosas Mostras de Artesanía.
É lícito recalcar a necesidade de iniciar nesta casiña de arriba un Museo das Feiras para ilustrar ás multiples visitas que hai.
É licito soñar cuns Pendellos sen cableado aéreo e sen contedores afeando as fachadas restauradas dos Pendellos.
É necesario reiterar que a recuperación dos pendellos-expositores que houbo nesta Rúa da Parranda, non só permitirían gañar en espazo comercial, senón que constitúe a coroación da restauración, volvendo a darlle cohesión aos pendellos de ambas beiras. É factible, esixible e inescusable. Baixar a cota da rúa ata o nivel orixinal, eliminar as farolas centrais e desterrar o tráfico rodado.
É importante recuperar o tellado e as columnas do pendello expositor anexo a esta casiña da esquerda. Fórmulas hai para conseguilo.
É unha enorme satisfacción ver a Capela das Virtudes felizmente recuperada.
É de xustiza recoñecer a elegancia humilde desta capela caleada.
É desexable que o recinto poida desterrar algún día as constucións parche que son unha afrenta á historia e á cidadanía.
É lícito agardar que algún día as Administración poidan comprar a cabaleriza que hai neste edificio sito tras o Marco da Constitución e a recuperen para memoria dese pasado feiral esplendoroso en Agolada.
É importante reparar na plasticidade antiga destas casas do Caldeireiro. Un espazo a protexer.
É desexable que á beira dos Pendellos se protexa a Praza do Concello e se recuperen os pendellos-almacén que parten desde a Rúa Nova polo lateral dereito da Praza. Compralos sería unha boa idea. Forman parte inseparable do resto do recinto.
NOTA: Imaxes obtidas polo autor deste blog o pasado 28 de febreiro, quen contou coa pátina da chuvia para darlle realce á pedra erixida monumento.

3 comentarios: