28 de febreiro de 2015

MEMORIAS DUN VALOUTÉS (II)

Na etapa dos recordos máis temperáns figura, efectivamente, a imaxe do río, chamado río Grande cando se quería diferenciar doutros regatos, como liña fronteiriza, xa que sinalaba o confín dos montes veciñais. O Arnego, sensiblemente recto entre Cadrón e Vilariño, facía unha gran xiro na desembocadura dun dos seus afluentes, o río das Abellas, para separar seguidamente as demarcacións de Vilariño e Cangas. Tanto esta zona fluvial como os montes que se atopan neste recodo chámanse “A Valouta”. E nas miñas Memorias recorro a este topónimo (e non a outros que sinalan outras partes do río: “A Pesqueira”, “O Penedo Grande”) porque é para min o de máis resonancias, aquel do que primeiro oín falar aos veciños que pastoreaban as vacas. Se alguén había de ir co gando ata alí, axiña a miña fantasía infantil entendía que percorrera un camiño moi longo: xa non podía ir máis aló; entre os tortuosos e malos camiños que sucaban o monte, o que chegaba ata esa punta era como a arteria principal, e, aínda que se transitaba por el con dificultade, debido aos altibaixos, era un dos poucos accesos polos que o carro podía chegar ata a beira do río, onde se ía ás veces a cargar area; por alí podíase cruzar o río á outra banda. En fin, A Valouta quedoume gravado como tópico de continua referencia desde os meus primeiros anos.

O río tiña relevancia económica, e así, os da xeración anterior explicábannos que alí estaban os mazadeiros (rodas de muíño para mazar o liño). De tales artiluxios eu non puiden ver nin os restos, pero si coñecín os muíños, tan importantes para a elaboración do pan, alimento básico, e a central hidroeléctrica, grazas á cal só me acordo do candil de gas porque ás veces había que acendelo se se producía un apagón ou para ir a algunha corte sen instalación eléctrica. No noso río criábanse unhas troitas riquísimas, que eu tiven ocasión de probar desde moi neno.

Pasar alén do río non era fácil, sobre todo no inverno. As xentes de Vilariño sempre mantiveron moita comunicación coas da outra ribeira, preferentemente cos de Cadrón e Castelo, pobos situados á beira da
estrada xeral. O máis frecuente era que se cruzase por Ponte Vilariño, pero, para non facer tanto rodeo, podían seguirse atallos, como ir pola Tosta (dique feito de pedras para levar a auga a un muíño), ou polos paus, dous troncos colocados en lugares nos que había illotes para apoialos, uns poucos centímetros sobre a auga, para os pés, e outro á altura das mans, como varanda. Esta última forma de vadear o río non era moi apropiada para os que tiñan medo de perder o equilibrio ou de que  rompese a madeira, cousa que sucedía algunha vez. O río asociábase tamén á diversión, por exemplo, ao baño que un podía tomarse nas súas augas limpas algún día de verán.

Desde Vilariño podía verse un horizonte bastante amplo, perfilado por dúas cimas, cuxos nomes eran Farelo e Carrio, e situadas, respectivamente, ao Leste e ao Oeste. A primeira, por ser o punto por onde nacía o sol, servía para comparacións metafóricas: “naquel tempo ti aínda estabas detrás do Farelo”, dicíannos, se cadra, para aludir a un suceso anterior ao noso nacemento.

A miña aldea ou lugar -nomes que se utilizaban indistintamente-; non así o de pobo, que tiña connotacións de maior poboación, máis urbano, estaba constituída, como xa se dixo, por tres unidades familiares: a primeira casa, situada fronte á fachada da igrexa, era a Reitoral, na que vivía o cura; as dúas vivendas restantes formaban parte do mesmo casco, a máis pequena era a do señor Germán, e a outra, na que eu nacín, chamábana da señora Socorro, nome da miña avoa. (As casas podían recibir denominaciones segundo o nome do dono -como nos casos que acabamos de citar-, ou o apelido (Casa de Fernández), ou o oficio (Casa do “Zarralleiro”), ou da ubicación: de Arriba, de Abaixo). Tanto a Igrexa como as tres vivendas achábanse ao bordo da corredoira (camiño estreito de carro), á man esquerda se entrabamos de Vilariño. Uns metros máis adiante, na outra man, había outra casa deshabitada porque os seus últimos donos emigraran a Arxentina -por iso a chamaban “dos americanos” e vendérona a un veciño que vivía na aldea de Vilariño.

Segundo contan, antigamente toda a aldea pertenceu a unhas mulleres que, non tiveran descendencia e deixaron unha parte das súas propiedades para a Igrexa, e a outra parte, que puxeron á venda, foi comprada por dúas familias. Por iso, a mediados do século XX non quedaban vestixios desa vasta propiedade, senón uns pequenos predios rodeando a aldea e pertencentes a algún dos tres veciños.

O cruceiro, que tiña esculpidos a Xesucristo e á Virxe, todo de pedra, sinalaba a entrada do pobo. Ata alí chegaban as procesións que saían da igrexa, con emblemas parroquiais: o pendón e o estandarte á fronte, e detrás, levadas en andas, as imaxes dos santos cuxa festividade se celebraba, e, pechando a marcha, os fieis. Toda a comitiva, unha vez que daba a volta ao redor do cruceiro, retornaba á igrexa.

Nunha zona máis ancha deste camiño de entrada, xunto ás casas, atopábase a fonte, coñecida entre nós como “ O Tanque da auga”. A auga nacía preto da igrexa de Esperante, como un quilómetro máis arriba, e era conducida por unha canle. No manancial saía fresca e rica; abaixo, con todo, xa perdera parte desas calidades. En todo caso, esta auga satisfacía unhas necesidades vitais para o pobo. Primeiro, era a auga que
se utilizaba normalmente para beber e para os restantes usos domésticos (cociñar ou fregar); tamén xunto á fonte había un pilón de pedra que facía indistintamente de lavadeiro e bebedoiro; e finalmente, esta auga utilizábase para regar os prados, seguindo unhas quendas, sensiblemente proporcionais á extensión dos terreos, que estableceran os nosos antepasados. No verán a auga non chegaba á fonte, e entón había que ir ao río, a Ponticela, tanto para lavar as roupas como para que abrevasen as vacas; en anos en que a seca era moi intensa, e ata non quedaba auga no noso pozo, era preciso encher no río un gran tonel e transportalo no carro, para atender as necesidades máis imperiosas da casa.

O camiño que cruzaba por entre as casas era de terra, polo que, no inverno, facíase un lameiro con moitos charcos; pero cada veciño,  no treito correspondente á súa casa, estendía unha capa de toxos que co tránsito diario dos animais íase curtindo e convertendo en esterco; logo, este abono vexetal serviría xunto co das cortes para fertilizar as terras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario