25 de febreiro de 2015

MEMORIAS DUN VALOUTÉS (I) NOTAS AUTOBIOGRÁFICAS DE JOSÉ ANTONIO FERNÁNDEZ SUCASAS

Hoxe desde o Aquam Latam iniciamos a publicación por capítulos dunha autobiografía parcial dun agoladés de Vilariño: José Antonio Fernández Sucasas. Este texto foi escrito por José Antonio hai arredor de vinte anos coa única intención de conservar nítida a memoria da súa infancia e xuventude no seu Vilariño natal e a xeografía aqualatense como espazo vital.  O servicio militar e os seus inicios profesionais como mestre en Monterroso e Hío completan este cadro de experiencias. A súa posterior vida profesional como Orientador en Ensino Primario  e Secundario, o seu casamento e os seus dous fillos, a dilatada experiencia como viaxeiro de mochila que percorre lugares insospeitados de distintos continentes, desde a estepa rusa á Pampa arxentina, a súa actual vida de recén xubilado na Boa Vila de Pontevedra, cuxas rúas percorre con parsimonia a pé ou en bici, a súa ben ganada fama de gran conversador... Todo iso e moito máis está á espera dun segundo tomo para completar esta historia autobiografiada.
Do que a min non me cabe ningunha dúbida é do enraizamento, do amor e do compromiso que ten con Agolada, terra á que acode con invariable frecuencia ao longo de moitos anos desde a capital da provincia.
Á beira das vivencias persoais do autor figuran outros datos que recollen o xeito de vida e os costumes que eran comúns en todo o territorio de Agolada e do interior de Galicia. A súa visión xúlgoa interesante e merecente de ser recollida neste medio.
Agradézolle a José Antonio a deferencia de cederme este seu caderno e aos poucos iremos dando saída por capítulos a esta orixinal autobiografía. Espero que sexa do seu agrado o xeito que aquí lle deamos á combinación de imaxes e texto. As fotos aquí publicadas son: unha parte do propio autor, outras de Ton van Vliet (a quen está unido por unha relación de longa amizade) e outras da miña autoría.
NOTA: Quen desexe seguir esta autobiografía, poderá ver os distintos capítulos organizados na etiqueta "Memorias dun Valoutés".

I XUSTIFICANDO UN TÍTULO

O falar de memorias tráenos á mente algo relacionado coa memoria, recordo do pasado: así, falamos de facer memoria, pero referido, simultáneamente, ás vivencias máis importantes dunha persoa. Todos nos desenvolvemos nun tempo e nun espazo, e nas memorias evocamos precisamente diversos momentos e escenarios da nosa existencia.

O noso curso vital é comparable ao dun río que nace nun punto e logo vai discorrendo por un variopinto “itinerario” ata chegar á súa fin. Este percorrido é multiforme: nalgúns treitos marcha recto, e noutros,  trazando reviravoltas; en ocasións as súas augas precipítanse veloces por fervenzas, mentres outras veces se remansan. A corrente fluvial pode mover as turbinas dunha central hidroeléctrica ou recoller os refugos dunha cidade; serve igualmente como medio vital para peixes, plantas e outros seres que para refrescar aos bañistas en días calorosos.

Poderiamos seguir enumerando máis utilidades da auga e diferentes recantos do río. De igual forma, coas memorias navegamos de novo pola nosa vida, pensando de onde vimos, a onde imos, como e por que chegamos ata aquí. Reflexionamos sobre o noso currículo, ao longo do que habemos ir recibindo impresións, informacións, “cultura”, experiencias.

De modo que esta historia non vai ser un mero reconto dunha sucesión de feitos, senón unha profundización sobre nós mesmos e a nosa relación cos feitos e as persoas, unha historia  xenuína “magistra vitae”.

É lóxico que nos deteñamos máis nunhas etapas que noutras, así funcionan os mecanismos da memoria, gravando mellor as sensacións agradables. Algúns tempos ou lugares evocarémolos con todo detalle, e transcribirémolos pormenorizadamente; doutros, en cambio, apenas contaremos nada porque nos pasaron inadvertidos ou porque non interesa comentalos. Pero todo será, en fin, reflexo da nosa vida. A miña vida.
 Chámolle a este relato “Memorias dun valoutés” aludindo á miña orixe. A Valouta é a terra que me viu nacer “xunto a uns poucos homes e mulleres máis” e na que vivín ata os once anos, bastante tempo, pois, é unha etapa crucial na vida de toda persoa (a infancia), que deixará profundas pegadas na forma de ser. E, a partir desta idade, aínda que A Valouta deixase de ser a miña residencia permanente, nunca perdín o contacto directo e case continuo coa miña casa e a miña familia, cos traballos do campo, cos paisanos vellos e novos; proseguín pisando os camiños da aldea, axudando nalgunhas tarefas agrícolas aos meus pais, charlando cos veciños; construín, por así dicilo, o meu propio proxecto de vida sobre a base desta terra e destas xentes.

Dado que terei que refrescar continuamente a miña memoria para escribir esta historia, creo que, razonadamente, podo titulala “Memorias dun valoutés”.

II. AQUELAS TERRAS

É obrigado, ao vivir no mundo, situarse cos pés na terra. Decídome agora a examinar esa parcela de terreo na que eu empecei a descubrirme e a descubrir a contorna.

Non creo que fose exacto describir por unha banda os aspectos xeográficos (orografía, vexetación, etc.) e por outro, os humanos (que, desde o punto de vista científico, tratarían a socioloxía, a demografía, a estatística e outras disciplinas afíns). De que forma podería eu, aos meus tres ou catro anos, separar, por exemplo, aos meus pais dos zocos que calzaban a diario para andar por prados húmidos ou camiños de barro? Desde pícaro oíra como se comunicaban os pastores coas vacas, utilizando expresións que non sería capaz de traducir a outro idioma. Á noitiña a miña avoa predecía o tempo que ía facer ao día seguinte segundo a cor da posta do sol ou o lugar de onde sopraba o vento.

Existe unha interrelación constante das persoas co medio en que viven, e neste capítulo procurarei reflectir o máis aproximadamente posible esta integración, que eu percibín de modo intuitivo desde a miña primeira infancia.

O meu pobo chámase Eirexe e ten tres casas. Con propiedade, sería mellor dicir tres familias porque cada unha destas, ademais da edificación en que vive, posúe outras dependencias, unidas ou separadas da vivenda, nas que se albergan os animais domésticos ou se gardan os apeiros de labranza, as colleitas, a leña e todo o necesario para o traballo e sustento diarios. Sobresae de lonxe, co seu campanario alto e esvelto, a Igrexa, que nese tempo era a única construción do pobo un pouco branca pola capa de cemento e cal que recubría as súas paredes. Ás casas dábanlles un aspecto vetusto non só as súas anchas paredes, levantadas cunhas pedras brandas e pequenas, esquistosas, mesturadas con barro, senón tamén os seus tellados, cuxas tellas curvas aparecían veteadas de brións.

Hai un accidente xeográfico, unido aos meus primeiros recordos, que vale para situarnos: o río Arnego. Os ríos constitúen unha barreira natural entre os pobos, aínda que poidan ser ao tempo un punto común de referencia e encontro para os moradores de ambas beiras; ademais, adoitan tomarse como división para as demarcacións administrativas: no noso caso, o Arnego é a liña de separación entre os municipios de Lalín e Cruces co noso, Agolada.

Golada ou Agolada?: Escribirei Agolada, aínda que, indefectiblemente, nos meus expedientes académicos, carnés e outros documentos figure Golada. Eu utilicei así mesmo sempre esta forma do topónimo con aférese (ou supresión da vogal inicial). A razón é sinxela: Golada era o nome oficial, xunto coa Golada, variante cacofónica e, desde logo, utilizada máis raramente. Pero, prescindindo ata das disquisicións lingüísticas posteriores, que, acertadamente, creo, admiten como máis correcto Agolada que A Golada, a miña tese para defender o nome unido baséase en que, en efecto, así o pronunciaba a miña avoa, e na súa mente de galegofalante, non construía primeiro o artigo “a” e logo o nome “Golada”, senón un só nome propio, sen artigo. Así que hai unha concordancia entre esa imaxe (non consciente, claro) da miña avoa e a forma toponímica Agolada, que aparece como a máis axustada idiomaticamente, tanto ao galego como ao castelán.

O río sérvenos tamén para situarnos nun espazo político-administrativo máis amplo: nace en Rodeiro, ao noreste da provincia de Pontevedra (no límite con Lugo e Ourense), e logo discorre ao longo duns corenta quilómetros entre os municipios de Agolada, Lalín e Cruces, ata desembocar no río Ulla, que serve de liña divisoria entre as provincias da Coruña e Pontevedra.

Resumidamente, estamos no centro xeográfico de Galicia. A un quilómetro do río que describimos está A Eirexe, a máis pequena das catro aldeas que forman a parroquia de Vilariño.


Ningún comentario:

Publicar un comentario