Varias veces teño matinado nos motivos que me levaron e me levan a empregar tantas horas neste caderno ou blog, baleirando nel con moita ilusión o pouco que consigo saber e coñecer da terra que me viu nacer. Nunca conseguín averiguar cales son os estímulos concretos que me animan. Pero é indubidable que as palabras de alento, os comentarios de agradecemento e algúns correos que esporadicamente recibo contribúen a que manteña viva esta páxina.
A principios do mes pasado recibín o seguinte correo e foi un revulsivo e unha alegría neste letargo estival:
Bo día:
Diante de todo parabéns polo seu blog. A miña sogra era da parroquia de Borraxeiros, a miña muller pasou moitos veráns en Agolada, e eu visitei moito as diversas parroquias do Concello, admirando a súa enxebreza.
Cita vostede a Castelao, cando afirma que "Se sodes sentimentais comprenderedes a miña emoción porque a vila natal non é coma todas as vilas". No meu caso Agolada non é a vila da miña infancia pero si dalgún xeito a que me fixo afondar na miña galeguidade.
Moitas grazas polo seu esforzo en conservar esta parte tan importante da nosa identidade coma pobo.
Unha aperta.
Manoel da Costa.
E nun segundo correo, contestando á miña resposta abundaba:
Agolada é para min a aldea que necesita todo galego de cidade, e nos anos sesenta da miña primeira visita un tesouro etnográfico no que eu descubría marabillado a realidade das cousas que lera nos libros.
Agradézolle os parabéns polo blog e a exaltación das terras de Agolada como matria súa de adopción e xoia etnográfica.
Pero sobre todo descubro a unha persoa que non coñecía, os seus vencellos con Agolada e a súa oferta amiga de de colaboración: "comparto ademais da vocación polo ensino e a de encher botellas con mensaxes que botar ao mar virtual de Internet a de facer amigos, actividade esta que me parece unha das mellores da vida, polo que conta conmigo para o que necesites".
No propio correo figuraba a ligazón co Google+ de Manoel da Costa Pardo e iso levoume a querer coñecelo máis. E con agrado comprobo que se trata dun profesor de Electricidade Industrial e Electrónica na Escola de Enxeñería Técnica Industrial de Vigo, con publicacións profesionais, inquedanzas culturais, defensor de causas varias a través da creación dun personaxe virtual "Mirequelledigo" ...
Resumindo, unha alegría e un pracer saber de ti, Manoel. Grazas polo teu apoio. Comprázome na común querencia que temos por Agolada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario