A sega da herba era outro dos grandes traballos estivais. Coincidía cronoloxicamente coa do centeo, aínda que o proceso desenvolvíase máis rápido.


A herba quedaba tendida no prado recubrindo toda a superficie, e, a partir dese momento, o importante era que lucise forte o sol, para que a herba perdese todo o seu verdor. Era perentorio, pois, preservala da auga: se chovía cando xa secara, o feo quedaría descolorido, sen o seu cheiro característico e ata semipodrido, e as vacas non o comerían ben.
A recolleita, polo demais, non era complicada. Un ou dous cargaban a herba no carro, e outro suxeitaba arriba para que non se caese; atábase cun adival e levábase á palleira (cobertizo) ou palleiro (montón similar ao da palla que se facía fóra). As vacas sufrían un gran calvario porque tiñan que arrastrar a carga baixo un sol de xustiza e aguantar os tabaos que as aguilloaban por todas partes.
Para os nenos a parte máis festiva deste traballo estaba na descarga: segundo se ía apilando a herba, avorcallabámonos e saltabamos nela coma nun gran colchón. Había moito tufo, desprendido das finas sementes do feo, pero isto non impedía que naquela superficie practicásemos todo tipo de piruetas.

O amoreamento da herba na palleira era mulido, e por iso prestábase para durmir alí a sesta, e tamén a podían utilizar, ocasionalmente, algúns da casa cando, nunha festa, por exemplo, non se dispoñía de camas suficientes para aloxar pola noite a todos os invitados. Neste mesmo sentido, oíase falar ás veces de que alguén que pasaba por unha aldea, nunha noite de mal tempo en que se lle facía difícil camiñar, buscara algunha palleira para quedarse nela.
A primeira e as tres últimas fotografías que ilustran esta entrada foron obtidas polo fotógrafo holandés Ton van Vliet en 1978. Nela pódese ver a familia de José Antonio Fernández Sucasas recollendo a herba seca. Na penúltima foto, á dereita, figura o propio José Antonio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario