17 de xullo de 2017

MANOLIÑO DA ELVIRA

 
Esta fotografía de Manuel Galego Iglesias devólvenos a memoria de Manoliño da Elvira, un mozo-adulto da miña nenez. Adulto pola idade e mozo solteiro que adoitaba acudir coma un xove ás festas e verbenas da contorna. O seu universo era bastante limitado: As Trabancas, Agolada, Couso, Ventosa... Ese era o seu principal radio de expansión. Raras veces se alongaba máis alá. Vivía humildemente coa súa nai, Elvira, na aldeíña de Trascastro (As Trabancas), dedicado maiormente ao pastoreo de vacas e ovellas.
    Alto e esvelto, peiteado cara atrás. Lembro que soía vestir pantalón exiguo de perneira e a chaqueta raras veces se correspondía coa súa talla. Unhas veces era escasa e outras sobrada. De carácter afable e moi falador. Pecaba, sen embargo, dunha inxenuidade acentuada. Non era difícil de enganar e menos de convertelo en vítima dalgunha broma. Se descubría que trataban de burlarse del reaccionaba con desconfianza e sacaba o xenio, arrecantado habitualmente. Case ousaría afirmar que a súa timidez era tanta que neste retrato non foi quen de mirar á cámara e o corpo lle fixo un escorzo coma querendo evitar o trance.
    Moitos domingos acudía a Agolada a pasar a tarde ou á feira. Nalgún bar téñolle visto consumir unha copiña de Sanson e  un paquete de galletas. Agradáballe que lle sacasen o tema das mozas, presumía de ter moitas mais nunca o vin con ningunha. Contáronme que fora cortexar a unha moza dunha aldea veciña. A doncela era, se cabe, aínda máis desconfiada e inxenua ca el. Cando el lle propuxo casar, ela exclamou moi alterada: "Seica estás tolo!" Ao que el lle repuxo: Ai ho! Outro sol pola porta non che ha volver pasar!.
    Os dous morreron solteiros moitos anos despois.

1 comentario: