13 de maio de 2018

NA FIN DO BAUTIZO


Os bautizos eran así no meu pobo, Agolada. Facíanse na tardiña con cerimonia independente, un ou dous días despois do nacemento. Acudían os familiares máis achegados, os padriños, o pai do bebé (a nai non acudía por estar recuperándose do recente parto) e a rapazallada do pobo case ao completo. Esta asistencia non era casual, os rapaces esperaban a chuvia de caramelos con que o papá do bautizado e os padriños trasladaban a alegría polo advimento do novo membro da familia, nos momentos posteriores ao bautizo e á sesión de fotos no exterior.
O neno bautizado nesta ocasión puxéronlle un nome real, pero na vila aínda hoxe é coñecido por Toto.  A fotografía de Manuel Galego Iglesias pode servirnos tamén para facer un especial recordatorio ao crego -recentemente falecido- tío do bautizado e moi coñecido e aprezado na vila, Amalio Cumplido (cuarto pola dereita na fila de arriba). Tamén nos vén a confirmar a imaxe que a distancia dos anos vai difuminando a memoria das caras e borrando os nomes de moitos daqueles nenos compañeiros de infancia, esa patria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario