Na tarde de hoxe coincidín nun enterro con dous bos amigos. A ambos agradézolles o afecto e as palabras de recoñecemento e alento ao meu humilde e sinxelo labor de recuperación da recente historia de Agolada. Con eles comentei que o que me satisfai especialmente nesta ocupación é haber conseguido a confianza para ser depositario dos arquivos fotográficos de Jesús Faílde Oro, o de Manuel Galego Iglesias e o de Ton van Vliet. Tamén lles expresei o moito que me alegra cada unha das imaxes que consigo rescatar do recinto dos Pendellos de Agolada e da súa feira.
Desde aquí, publicamente, agradézolles as palabras animosas e a deferencia para comigo. A Manuel Pichel González, amigo e colega de Vilatuxe e a Álvaro Negro Cumplido, veciño aqualatense, amigo e compañeiro na directiva de Amigos dos Pendellos. Durante a conversa os tres recordamos e lamentamos o recente pasamento do noso común amigo Suso Meixide Otero. Como testemuño de afecto e recordatorio traemos esta fotografía do tamén amigo, Xesús Faílde Oro, obtida a finais dos anos 50. Nela podemos recordar a Alfredo Vidal (Chiño), Suso Meixide, ambos falecidos, e Álvaro Negro, con quen departín esta mesma tarde e compartín lembranzas e agarimos.
Non sei canta importancia pode ter o feito de rescatar estas imaxes costumistas dun tempo que xa case fica esquecido. A min sérvenme para saber de onde vimos e o que fomos. E para reconstruír o mosaico da infancia en imaxes entrañables que sabían vestir de elegancia as tardes dos domingos e de alegría as caras dos retratados pola cámara de Jesús Faílde.
A foto foi tomada no cruce principal de Agolada, onde xuntan as estradas Pontevedra-Veigadeo (N-640) e a estrada Betanzos-Agolada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario