A dous quilómetros da vila d'Agolada, en dirección a Rodeiro, encóntrase unha ponte e unha zona coñecida desde antigo como A Ponte Pedriña. É este un topónimo que se repite con profusión na xeografía galega. Citemos como exemplos a Ponte Pedriña sobre o río Ulla, entre Antas de Ulla e Monterroso; a Ponte Pedriña sobre o río Sar en Santiago, na estrada N-525; a Ponte Pedriña sobre o río Limia en Bande (hoxe desaparecida baixo o encoro d'As Cunchas)...
A foto que precede a este texto recolle a ponte que se construiu nos anos 50 do século pasado para dar paso á primeira estrada que comunicou Agolada e Rodeiro. É unha ponte de perpiaño regular e presenta un único ollo rematado nun arco de medio punto rebaixado.
A Ponte Pedriña n'Agolada encóntrase sobre o rego de Ferreiroa, como se pode apreciar no mapa de arriba, e serve de límite entre as parroquias de Ferreiroa e Ventosa. No lugar podemos observar dúas pontes e os restos doutra anterior.
As pontes están moi próximas e sucédense no río por orde inversa á súa datación: a máis moderna, río arriba. A do século XX, no medio. E a máis antiga, da que só aparecen bloques graníticos labrados, amontoados en ambas marxes do río, abaixo. Todas están nun treito de río non superior aos corenta metros.
A que suscita o meu interese é esta última, á cal pertencen a fotografía anterior e posterior a este parágrafo. Podería tratarse dunha antiga ponte romana. O topónimo Ponte Pedriña (Pons Petrinea) asóciase sempre ao paso dunha calzada romana. E como xa falei aquí nunha ocasión anterior desta vía, os vestixios pétreos nas ribeiras do río parecen confirmar esta referencia.
Ofrecemos como colofón a este artigo unha Lenda da Ponte Pedriña (Bande), que ofrece a versión popular ao significado deste topónimo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario