22 de outubro de 2018

ANTONIO DE PAMBRE

O arquivo fotográfico de Manuel Galego permítenos aos agoladeses rescatar ese espazo que o tempo vai borrando da memoria e consegue restaurar con fidelidade un anaco da nosa pequena historia. A ese proceso de restauración gráfica podemos asignar esta imaxe. Para recuperar a fisionomía barbuda e entrañable de Antonio de Pambre, un mendigo de andar polas portas. Gustaríame tamén poder recuperar algo máis da biografía de Antonio, saber do porqué da súa mendicidade e da súa vida errante.
Antonio de Pambre era un dos mendigos que percorrían o territorio aqualatense a mediados do pasado século, chamando nas portas para solicitar sustento e pousada. Consciente sempre do seu deficiente aseo, declinaba frecuentemente calquera invitación a comer na cociña e facíao habitualmente no exterior das casas. Para dormir pedía ser acollido nas palleiras. E así andaba de aldea en aldea nun ciclo permanente pola bisbarra da Ulloa e Agolada, portando ao lombo un  saco grande no que gardaba as súas poucas pertenzas. Camiñaba amparándose nun enorme pau, que usaba como apoio e que podía brandir como arma fronte ás mandas de cans ou fronte a calquera outra ameaza.
Lembro o seu falar lento e tranquilo e a súa voz grave e resignada. Sempre agradecía a dádiva e era amable cos rapaces, a non ser cos que ousaban molestalo. Con todo iso, lembro ter escoitado algunha vez   invocar a súa presenza para ameazar a algún neno díscolo, un certo xeito de "home do saco" (o seu aspecto barbado, a ampla boina que o cubría, o desaliño indumentario e o enorme saco que levaba... invitaban a esta consideración) , algo que visto desde a perspectiva actual xulgo como inxusta para el.
Antonio era de Pambre (Palas de Rei), como expresa o seu apelativo. Sen saber a verdade dos motivos que o levaron á mendicidade, sempre escoitei dicir que comezara a pedir polas aldeas despois de facer as partillas cos seus irmáns, os cales seica foran moi inxustos con el e o deixaran case sen nada. A partir dese feito parece ser que quedou moi doído e trastornado e non encontrou outra saída á súa vida.
Descoñezo tamén a fin dos seus días e as circunstancias do seu óbito. Recuperar hoxe esta imaxe, que lle sacou moi atinadamente Manuel Galego Iglesias, poder traer a Antonio de Pambre a esta fiestra, reconfórtame especialmente porque a súa triste biografía adulta ben merece ser compensada con este recordo, co meu recordo de terlle levado unha cunca de caldo quente e unha rebanda de pan con carne ou chourizo.

2 comentarios:

  1. Ola Buusto. Yo me recuerdo perfectamente de Antonio de Pambre. Venía bastante a menudo por santacomba y siempre venía a casa de Basilio Basilio lo recibían muy bien mi hermano el mayor hablaba mucho con él aunque él hablaba muy bajito , pero recuerdo que era uno más de la familia,si hacía frío se ponía al lado de la lumbre y LAle
    daban de comer allí en la cocina y recuerdo que decían que ero limpió ,qina ala fuente a lavarse ,por la noche y por la mañana,,al cenar le hacían una cama en la cocina detrás del banco q había al lado d la lumbre y por la mañana se iba a lavar y desayunaba ya daba las gracias y se iba con su saco y su palo yo era pequeña pero me recuerdo muchas veces de él recuerdo despues de un tiempo que le habían dado una paliza pero esto no lo se seguro,d gracias abuelos ppor ser tan generosos

    ResponderEliminar
  2. ola Busto eu sei como morreu Antonio, se estas interesado escríbeme o meu correo. carlos.miguelez. val@xunta.gal

    ResponderEliminar