30 de decembro de 2018

UN NOVO ESTUDO SITÚA A AGOLADA NA VÍA ROMANA XIX

No mes de maio do ano que expira, aparecía un novo estudo sobre as vías romanas XIX e XX. Nesta ocasión é abordado polo enxeñeiro industrial vigués César M. González Crespán. A teoría que expón xúlgoa de interese para a comarca de Deza e para Agolada en concreto, especialmente polo tramo Caldas de Reis - Lugo. 
Varios autores, desde o P. Sarmiento e Cornide Saavedra no século XVIII, o historiador vigués Raúl Villanueva na actualidade e agora González Crespán, coinciden milimetricamente en
trazar a vía XIX con paso por Cuntis, A Estrada, concello de Silleda, O Vento (Lalín), Agolada, Antas de Ulla, Monterroso, Seteigrexas, Guntín e Lugo.                                                  
Baseándose nas distancias expresadas en milia passuum sitúa as mansio citadas no itinerario de Antonino entre Caldas de Reis e Lugo da seguinte maneira: Pria na Estrada, Asseconia no Vento (Lalín), Breuis (en Agolada), Marciae en Guntín, como aparece expresado nun gráfico que recollemos máis abaixo.



O camiño real que provén de Caldas de Reis coincidiría con este trazado, o mesmo que atravesa a Ponte Taboada en Silleda e sobe por Prado, Bendoiro e Santiso e pasa por O Vento, na parroquia de Bermés, segue por Erbo, Cancelas, O Castelo, Cadrón e cruza a Ponte Vilariño para acceder a terras d'Agolada.


Varias teorías fundamentadas e argumentadas sitúan a vila de Agolada na vía XIX romana. A de González Crespán tamén. E pola distancia desde a mansio de Asseconia correspóndelle a seguinte mansio Breuis en Agolada. Neste punto cómpre indicar que no mapa arqueolóxico provincial recóllese na saída de Agolada cara a Lugo, no lugar coñecido como Alto de Corres, o asentamento romano de Bidueiros. Non me parece moi atrevida a especulación de situar aquí a devandita mansio Breuis (Brevis).

Ningún comentario:

Publicar un comentario