Agolada sitúase na mesma medula da Galicia labrega. Ten un pasado secular de campesiños, que souberon extraer dos vales e das estivadas o sustento cotián. Na actualidade, o número de labregos diminuíu notoriamente e os que quedan sobreviven aos vaivéns políticos e económicos destes tempos de tanta inestabilidade.
A capital do concello, a viliña d'Agolada, tivo moitos labregos, que maioritariamente combinaban a agricultura e a gandería con algunha actividade do sector secundario ou terciario. Iso foi así desde os inicios ata hai uns poucos anos. Agora xa non quedan labregos, nin gando vacún, nin ovino. Quizais sobreviva nalgunha casa algún exemplar de porcino e de avícola. Así foi como mudaron os tempos e a actividade económica. Agora predominan os xubilados, os asalariados, algúns funcionarios e algunha actividade nos sectores secundario e terciario.
Coñecer e reflexionar sobre os cambios que nos trouxeron os anos quizais sexa un exercicio necesario para acometer ese futuro de prosperidade que tan difícil se nos presenta. O éxodo da xente nova, o avellentamento da poboación residente, a mermada natalidade... non permiten enfocar ese futuro con optimismo. Algo teremos que facer. Todos. Tamén os políticos, que son quen nos deben guiar, liderar e gobernar. E aos políticos elixímolos nós. Por iso cómpre acertar nas persoas e nos programas. E procurar distinguir o grao da palla.
Para ilustrar esta entrada, traemos unhas imaxes de moi pouca calidade, pois son fotogramas dun documental de TVE, gravado n'Agolada nos primeiros anos 70. A captura dos fotogramas fíxena con medios bastante rudimentarios, de aí a baixa calidade.
Nas fotografías vemos vestixios daqueles labregos: carros, vacas, esterco, cabaceiro... E pendellos que foron derrubados para ampliar a praza do Concello ou para construír a casa do Berrediño. Historia pequena, pero é a nosa historia, a que nos identifica e a que compartimos.
Carros do Secundino.
Parabéns polo artigho MANOLO, concordo ao 100% (incluso ao 1000%). É tempo de reflexionar, pero tamén de botar a andar...e hai moito (case todo) por facer.
ResponderEliminarE sobretodo éncheme de satisfación (xa parezco o Borbón) que sigas escribindo e publicando neste blog...Non o deixes de facer...Moitos ánimos e apertas.
Escaparon da miseria alimentaria e metéronse na miseria urbana, enlatados en formigón, cheos de conservantes e colorantes; están ao morno cheirento das cidades, xa nunca verán pousar ao Sol nin no Faro nin no Ferelo e tampouco no Pico Sacro, mais cando a miseria volte escaparán para a súa terra, e Ela voltará a darlles de comer.
ResponderEliminar