A cabaleriza dos Pendellos de Agolada xa loce novo tellado, despois de restituír trabes, doela e dotalo de placa bituminosa para impermeabilizar a madeira e servir de soporte e aliñamento para a tella. Nótese que se reaproveitou a tella preexistente para ser o máis fieis posible á tradición e á antigüidade do recinto. (A imaxe que abre este artigo é actual).
(A cabaleriza en 1980. En primeiro plano o Marco da Constitución)
A cabaleriza é unha dependencia anexa ao Cuartel e cárcere (esta casa na actualidade é coñecida como casa de Sidorio). É unha sorte e unha verdadeira singularidade que se conservasen estes vestixios (cabaleriza, Cuartel, Cárcere e Marco da Constitución) nacidos con e para a feira. Non sabemos de ningunha localidade que goce destes referentes feirais.
A feira de Agolada data de 1788 e xa desde os inicios congregou multitudes. Tales multitudes orixinaron conflitos varios que fixeron necesario dotar a feira dun acuartelamento, cárcere e xulgado, a Casa da Audiencia. Naquel momento vivía en Agolada o escribán das xurisdicións de Ventosa e Borraxeiros, D. Manuel Ramón de Barrio y Losada. É de supoñer que el sería un dos impulsores desta institución.
(Nesta imaxe de 2004 advírtese facilmente o estado de ruína e abandono destes pendellos).
Nesta casa actuaba un xuíz, que nos días de feira dirimía conflitos de todo tipo. Eran moi frecuentes os salteadores de camiños, na ida e no retorno da feira; roubos, pelexas, incumprimentos de tratos, etc.). Para o control da feira foi preciso dotar o Cuartel dunha nutrida gornición de gardas. E para percorrer os camiños fíxose necesario provelos de cabalerías, de aí a necesidade de construír unha corte grande para albergar os cabalos. A corte, cabaleriza, que se erixiu en Agolada conta con trece pesebres de perpiaño coa súa correspondente argola para atar o animal. O número de pesebres supoñemos que gardaría unha proporción equivalente ao número de gardas e tal cifra explicaría por si soa a importancia deste acuartelamento rural.
Monolito pétreo, coñecido como Marco da Constitución, diante da cabaleriza e a carón da Cuartel e cárcere. Foi erixido como fito inaugural da feira e para indicar o carácter público do Cuartel e da cabaleriza.
A cabaleriza orixinariamente foi unha corte dunha única sala rectangular, con tres portas orientadas ao norte, ao sur e ao oeste. E dous ventanucos na fachada oeste, entre os cales estaba o portón principal da cabaleriza. A porta da fachada norte (actualmente tapiada) parece que comunicase con outra dependencia anexa, que podería servir como almacén de forraxe ou como corte para as crías. A porta da fachada sur era a que comunicaba a cabaleriza co acuartelamento. Na parede leste, completamente cega, alóxanse os trece presebes.
O Cuartel despareceu na primeira metade do século XIX. A razón desta desaparición cremos que pode estar na creación do cantón realista de Eidián nos inicios da Primeira Guerra Carlista e que o control da feira e dos camiños quedase a cargo deste novo acuartelamento. Non nos parece moi lóxico que os dous acuartelamentos coexistisen situados a tan só 8 Kms. de distancia. Ademais sabemos que na segunda metade do S. XIX a casa onde estivo o Cuartel xa aparece como casa de labregos. Unha vez convertida en casa labrega foi pasando coas xeracións a distintas mans e coas partillas tamén se dividiu a cabaleriza en tres cortellos e mesmo se lle engadiron pendellos nas fachadas oeste, norte e leste.
Agora coas obras de restauración sería desexable recuperar o espazo diáfano da cabaleriza, nunha única sala, cos trece pesebres á vista. Para iso habería que derrubar as divisións internas sinaladas na imaxe antecedente en azul. Mais o proxecto, de momento deixa unha división que oculta os tres presebes da fachada sur.
Recreación da cabaleriza orixinal, con tellado a dúas augas.
Recreación da cabaleriza orixinal
Ningún comentario:
Publicar un comentario