Xa teño expresado aquí a enorme sorte de contar con fotógrafos que documentaron o territorio aqualatense e arredores e que viñeron a suplir as carencias e esquecementos que habitualmente padecen as áreas rurais alonxadas das cabeceiras provinciais e dos centros de poder.
Jesús Faílde Oro, Manuel Galego Iglesias e Ton van Vliet compoñen a terna dos nosos mellores notarios gráficos. Retrataron a vida das aldeas e as nosas xentes. Cada un no seu momento e cada un co seu obxectivo concreto. Jesús Faílde e Manuel Galego son nativos de Agolada, Friufe e Órrea respectivamente. Jesús plasmou os últimos anos 50 e os iniciais 60. Inconscientemente tomoulle o relevo Manuel Galego, quen retratou a Agolada dos anos 60. Ton van Vliet chegou circunstancialmente desde Holanda no ano 1978. Volvería no 1979 e no 1980. Desa época é o seu arquivo. Eles tres son a nosa Ruth Matilda Anderson, os que captaron a nosa esencia en branco e negro.
De 1978 é a foto desta entrada. Ton van Vliet tiña entre os seus motivos os nenos, especialmente os nenos autónomos e espelidos. Quero imaxinar o momento desta escena e non penso no fotógrafo, penso no neno que se sente protagonista, dono da atención do holandés louro e esvelto. Intúe a súa fotografía viaxando pola Europa daquela máis lonxana do que hoxe. Quizais non saiba como posar e escolle a parede como amparo. Ergue a perna e apoia un pé nunha lousa que está esteada na parede, apoia o cóbado no xeonllo elevado e coa man suxeita o sombreiro. A outra man na illarga, a camiseta coas mangas refucidas, a mirada ladeada e un sorriso amplo e cautivador. Un Paul Newman en potencia imaxinando o seu futuro destino.
(Non identifico o neno. Unha boa tarefa, que eu agradecería, é ter referencias dos lectores para conseguir recuperar as identidades daquelas persoas ou lugares que foron fotografados por calquera dos tres fotógrafos arriba citados).
Ningún comentario:
Publicar un comentario