Comprender o lugar que habitamos
é sempre unha aspiración e un camiño que nos conduce ao coñecemento, amar o espazo que nos
acolle debería ser unha feliz
consecuencia de apego e de compromiso. O
coñecemento e o compromiso coa terra
habitada constitúen unha excelente maneira de darlle sentido á propia
existencia.
A Xeografía -tan definida polo seu clima, pola súa orografía e pola súa hidrografía- exerce a súa impronta sobre os seus habitantes. A Historia é unha páxina que se escribe acotío na loita permanente polo sustento e pola supervivencia. Ambas, Xeografía e Historia, contemplaron o paso dos nosos ancestros e agora miran atentamente a nosa evolución.
O pobo aqualatense ao longo da súa historia foi adoptando alma de río e corporeidade de montaña. O Ulla , o Arnego e o Farelo presiden o territorio, definen os seus lindeiros e sobrancean os horizontes. Na penechaira e nos vales que eles delimitan, transcorre a vida dos agoladeses.
Sabemos que Agolada latexaba na Prehistoria pastoreando gando e na descuberta do cultivo cereal traballado con ferramentas de pedra puída. Petróglifos e as numerosas mámoas do Coteimil, do Campo de Xastre, dos Muíños, da Chousa do Acedo, da Gandarela, das Namelas, da Chaira do Medio, do Coto Cornellal, do monte Laxide, de Castrillón, da Picurela... fálannos daqueles antepasados e das casoupiñas que albergaban os soterramentos dos defuntos.
Hai agora tres mil anos, o pobo agoladés soubo agarimarse nos dezaoito castros que coñecemos e construír neles vivendas cilíndricas de pedra, colmadas de palla. O Marcelín, a Gurobela, A Eira Vella foron poboados castrexos con nome propio, en Merlín, no Sexo e Basadre, respectivamente. Cada parroquia un castro, ou dous. Castro, Os Castros, Trascastro, A Croa son microtopónimos que aínda conservamos e que explican aquel milenio longo que vivimos en outeiros circulares amurallados.
Na
xeira romana o territorio aqualatense estivo vertebrado por dúas
importantes vías que aquí se cruzaban.
Unha vía unía Lucus Augusti con Aquis Celenis (Caldas de Reis) e a outra viña
desde Chantada e despois de Agolada proseguía cara a Ponte Ledesma, pasando por
Merlín, o Valadoiro e Brántega. Pedras miliarias en Esperante, en Vilar de
Ventosa, en Merlín, no Marco e nos Pendellos de Agolada; unha estela funeraria e unha placa votiva en
Ferreiroa; a cista do Alto de Corres; un “agger” en Merlín, son vestixios importantes dese pretérito
romano de Agolada.
Adentrouse Agolada na Idade Media, un longo período histórico con moitas luces e outras tantas sombras. Avanzou o territorio agoladés na construción de pontes sobre o Ulla e sobre o Arnego. Mourazos, Arcediago, Basadre, dos Cabalos, Carmoega e Toiriz ergueron pedras e madeiras para vadear as correntes e mellor comunicar as aldeas e as vilas incipientes.
Neste período asemade Agolada sufriu a vasalaxe feudal dos señores do castelo de Borraxeiros, dos Churrichaos de Deza, da mitra compostelá, entre outros. A fame e a opresión daquela época conduciron á Revolta Irmandiña e os labregos de Agolada sumáronse a aquela revolución que remataría arrasando o castelo de Borraxeiros (A Torre) ata os cimentos.Tamén foi unha época de fonda influencia da Igrexa, desde os mosteiros e desde as igrexas. Oito templos agoladeses erguéronse románicos (Ventosa, Ferreiroa, Borraxeiros, Berredo, Ramil, Agra, Merlín e Órrea, onde as monxas bieitas oraron e laboraron con benedictina paciencia).
Nesta Idade cadrou igualmente o feliz momento no que os antepasados converteron o latín en galega lingua para a perdurancia nos séculos. E foron nomeando as cousas e os lugares para que tivesen entidade e identidade. Eses nomes son o eixo vertebral que transcendeu as xeracións para manter o carácter e os referentes do pobo. Por iso dicimos A Costa e non La Cuesta, Ferreiroa e non Ferreruela, Vilanova e non Villanueva, Val de Sangorza e non Valle de Sangorza, As Casiñas e non Las Casitas, entre outros moitos topónimos de noso.
Agolada despediu a Idade Media creando a
marabilla artística no interior da igrexa de Ventosa. Senllos baldaquinos
acaroando o arco trunfal con frisos de viva policromía e alegres anxos músicos.
A escultura para a festa e para a vida. Tamén o impoñente e artístico mausoleo
do abade Lope de Ventosa, con idéntica factura escultórica e rica
ornamentación. Tanta filigrana para exaltar a vida sobre a realidade inexorable
da morte. Apóstolos, querubíns, un Cristo Pantocrator, os homes verdes,
molduras, orlas, sartego, altorrelevos, pinturas. Todo un compendio artístico
condensado e exultante naquel templo parroquial
rural, de modestas dimensións, para honrar un ilustre defunto.
Á convulsa e frutífera Idade Media
sucedérona uns séculos escuros no ámbito cultural e social, caracterizados pola
submisión aos ditados do reino de Castela e a novas formas de explotación
exercidas agora desde os pazos, que floreceron barrocos e espallados pola
xeografía rural, anteriormente señoreada polas torres feudais. A vasalaxe foi
substituída polos aforamentos e o anterior poder militar dos castelos
transformouse nun poder civil ostentado agora por unha clasista nobreza e fidalguía,
que constituíu o coñecido como Antigo Réxime. Os López e Mendozas edificaron
pazos en Basadre e en Eidián; os Salgado, en Borraxeiros; os Arias, en Quintela
(Santa Comba); os Varela, Mosqueras e Taboadas exerceron un inmenso poder desde
a seu pazo-fortaleza de Traspenas, en Artoño; os Varela, en Outeiro de Ramil;
outros desde Moas, en Brántega, outros desde A Pena, en Carmoega, ou en
Brandariz, na Baíña, ou nas casas fidalgas de Ferreiroa, de Axiaz, de Berredo,
da Baíña... E algunhas casas rectorais, onde os abades exercitaron un poder de
sometemento que ía do civil ao relixioso ou viceversa. O pagamento anual de foros, diezmos e
primicias fixeron dos labregos os novos vasalos dun Réxime clasista igualmente
inxusto. E da fidalguía, un estamento que parasitaba sobre a gran masa labrega,
de maneira indiscriminada e abusiva.
Foi nesta época, ao longo do século XVIII, cando as patacas e o millo xa puxeran remedio en parte ás fames e ás angurias, cando aquela sociedade rural comezou a espertar. Un espertar que introduciu nas aldeas a industria hidráulica dos muíños, dos batáns e dos mazadeiros. Ríos e regueiros ateigáronse de muíños e muiñadas e o pobo moeu, contou, cantou e bailou nas longas esperas nocturnas das muiñadas. Medrou o folclore e compuxéronse muiñeiras, contos, ditos e refráns, ao compás dos rodicios e co vaivén dos tenxedoiros.
Xa nos finais do século, constituíron a
feira. Quen non tiña unha feira nas proximidades estaba sentenciado a non
prosperar. E naquel rebulicio de creación de novas feiras que aconteceu nos
derradeiros anos do século XVIII, foi cando por invención dos veciños e por
impulso do escribán Manuel Ramón de Barrio
se constituíu a feira do 12 na Agolada, no ano 1788. Desde entón ata
hoxe, co seu auxe e o seu esmorecemento. A feira serviu para mudar por completo a vida social
e económica daquel territorio desamparado. E cos Pendellos erixiuse un espazo
creado para acubillar as multitudes que aquí se congregaban arredor da
feira. Feira e Pendellos engadíronlle ao
lugar sona, prestixio e identidade. E o feitizo había de se prolongar ao longo
dos séculos ata o momento actual.
Todos os territorios necesitan elementos de cohesión para manter activos os vínculos dos seus habitantes. Agolada tivo e ten nas súas festas e, sobre todo, na súa feira o evento que mellor aglutinou aldeas e veciñanza. O día 12 quedou establecido no calendario de cada mes como data sinalada e inescusable. Durante moitos anos considerouse día non lectivo nas escolas para que todos, tamén escolares e mestres, puidesen participar e aprender no gran escaparate da feira, naquel universo de xentes variopintas e múltiples mercadorías. A feira era o principal referente e actuou como un auténtico catalizador para transformar a pequena aldea de Agolada na vila actual. Ademais da feira de Agolada, no territorio municipal celebráronse feiras importantes como a de Brántega todos os días 26 desde a metade do século XIX e outras efémeras como a de Borraxeiros e a de Ventosa, creadas xa no século XX.
No que atinxe ás festas, o Faro de
Ventosa, a Saleta das Trabancas, o San Cristovo de Borraxeiros, o San Ramón de
Artoño, a Cruz de Brántega, o Santo Anxo da Garda de Buxel e as outras en menor
grao, contribuíron notablemente á esa cohesión territorial.
Andou Agolada no século XIX a sobresaltos e con importantes cambios:
- No ano 1809, en plena guerra
da Independencia, o avogado de Basadre
Manuel Costa Varela púxose á fronte dos
paisanos da súa comarca para loitar contra os soldados franceses do xeneral
Marconet, que estaban acampados en Melide, poñéndoos en precipitada fuxida ata
as inmediacións da ponte do río Miño en
Lugo.
Ben seguro que habería aquí outros personaxes e múltiples escaramuzas cos franceses, as cales non trascenderon á posteridade.
En 1833 produciuse un gran cambio: rematouse o Antigo Réxime e desapareceron as xurisdicións de Ventosa, Borraxeiros, Carmoega, Basadre e Abeancos e o territorio de Agolada deixou de pertencer á provincia de Santiago. Estreouse unha nova división administrativa e creouse o actual concello de Agolada, cos límites actuais, integrado na provincia de Pontevedra e con esta denominación. A capital administrativa peregrinou por varias aldeas: A Baíña, O Quinteiro, Artoño, A Guillerma e, desde 1934, en Agolada.
Por outra parte sabemos que no ano 1845, Pascual Madoz, no seu Dicionario Estatístico, contabilizou na Agolada 9 veciños e 45 almas.
Pero, sen dúbida, o feito histórico máis destacado deste século foron as Guerras Carlistas, que no territorio aqualatense tiveron ampla repercusión. Na Casa Grande de Eidián estableceuse un cantón realista (isabelinos), do que queda constancia das múltiples intervencións que tiveron contra os facciosos (carlistas), como a defensa do actual pazo fronte a un asalto nocturno dos carlistas, un axustizamento dos facciosos na feira do 12 de setembro de 1835, persecucións e enfrontamentos varios... E a sociedade agoladesa, como a dos outros lugares, dividida entre carlistas e realistas.
No último terzo deste século Agolada experimentou e sufriu as dramáticas consecuencias da masiva emigración cara a América (Cuba e Arxentina, principalmente). Agolada perdía a forza moza e o vigor da súa poboación. As causas estaban na pobreza das aldeas, na carencia de expectativas de futuro e nas inxustizas abusivas das clases dominantes. O caciquismo tivo neste momento unha importante presenza que se alongaría ata ben entrado o século XX.
A finais do século (1898), estableceuse a Garda Civil en Borraxeiros
para o control da orde pública e a persecución dos múltiples delitos cometidos.
E así foi entrando o século XX neste territorio acaroado ao Farelo, con profundos cambios económicos e sociais, cos seus momentos de avance e progreso e cos lamentables anos da Guerra Civil e a miseria posterior.
Nos anos finais do XIX e moito máis na centuria do 1900, as comunicacións experimentaron unha profunda transformación. E con elas chegarían outras moitas melloras. Construíronse novas estradas e pontes, proxectouse unha vía férrea con paso por Ventosa, proxecto que nunca vería a luz, creáronse novas escolas nas aldeas; a partir dos anos 40 foise instalando paulatinamente a corrente eléctrica na vila e nas aldeas.
O século XX ofrecíase desde o seu inicio como un tempo de avances e progreso e asemade convulso no terreo político. A loita contra o caciquismo e as reivindicacións do movemento agrario tensionaron o primeiro terzo deste século. O poder municipal estivo case monopolizado e discutido entre o Pazo de Borraxeiros e o Pazo da Baíña.
A aldea de Agolada foi a que máis cambios experimentou ao longo do século XX. Quizais o factor detonante do seu crecemento haxa que buscalo na construción da estrada Nacional 640, inaugurada en 1920. Iso supuxo un verdadeiro revulsivo para facer prosperar este núcleo, que en poucos anos iría gañando aspecto dunha vila de servizos que complementaban a importante e veterana feira que aquí se celebraba. En 1934 trasladouse a casa do Concello desde A Guillerma a Agolada.
O territorio aqualatense non foi escenario de batallas durante a contenda civil española, pero sufriu a rachadura social que enfrontou e dividiu a sociedade en nacionais e roxos, e houbo “paseados”, perseguidos e proscritos. Moitos mozos foron mobilizados para a fronte e unha parte deles pereceron en combate. Outros regresaron feridos, algúns con eivas permanentes, e todos co estigma dunha guerra incomprensible e dos anos mozos perdidos.
Aínda así, na posguerra abríronse horizontes cara a paz. A fame consecuente daqueles anos non freou as ansias de progreso. E así, en 1946, a praza da vila engalanábase co servizo dunha meritoria fonte de granito, con mastro central, catro canos surtindo auga e un pilón hexagonal, rodeada dunha plataforma circular. Pontes, fontes e lavadoiros xurdiron en moitas das parroquias aqualatenses. Nos anos 50 estableceuse unha centraliña de teléfonos, o hospitalillo (centro médico), colocouse un palco monumental na praza, para a música e albiscouse a modernidade coa inauguración dun cine-teatro. Nos anos 60 construíuse o Cuartel da Garda Civil, un balneario de augas medicinais na Ponte Vilariño, inaugurouse un novo templo parroquial e poucos anos máis tarde, unha sala de festas. O pulo demográfico que estaba experimentarse viña con atencións tan diversas coma a da orde pública, a devoción espiritual e a creación de modernos espazos de lecer.
Nestes anos, a emigración volveu rachar a sociedade agoladesa e moitos paisanos emprenderon o éxodo cara a Francia, Suíza, Reino Unido, Alemaña, Holanda co obxectivo de abrir camiño na vida. A emigración aínda afondaría máis a ferida con saídas de centos de agoladeses cara o País Vasco, Barcelona e Madrid.
Chegou a década dos 70 e quizais o cambio máis relevante sexa a inauguración dun Colexio ou Grupo Escolar en Agolada, onde foron concentradas todas as escolas unitarias do concello, coa excepción de Brocos, cuxo alumnado foi derivado a Vila de Cruces, por razóns de proximidade. Ademais das melloras educativas que acompañaron á nova institución académica, hai que engadirlle os lazos afectivos e de relación que se iniciaron entre as diferentes parroquias do territorio municipal, importante elemento de cohesión que se acadou e que continúa ata a actualidade. Nunca antes existira tal sentimento de pertenza ao territorio que abrazan o Ulla, o Arnego e o Farelo.
Os corenta últimos anos forman un taboleiro de xadrez, salpementado de días grises xunto a outros multicolores. A policromía acadouse cos avances sociais e económicos da poboación e os nubeiros grises, coa crise demográfica inacabable e coa perda de servizos públicos (a Garda Civil, o servizo nocturno de gardas médicas, a biblioteca, a escolarización do alumnado 12 – 16 anos, a oferta do comercio local, a dimución dos autobuses de liña, o peche de tabernas...).
Aínda así, a xente resiste, quizais inconscientemente e con indolencia, e vaise adaptando á nova realidade, asumindo a impotencia de reverter os designios destes momentos de deserción, nos que a poboación elixe núcleos urbanos populosos en detrimento da paz silenciosa das aldeas. Os 7.003 habitantes de 1950 reducíronse a 2.350 da actualidade. Vivimos aquí menos dun terzo dos de antano.
Á beira da nostalxia que aquel pasado de auxe demográfico nos inspira, ansiamos unha vida plena, un concello próspero e habitado, unha sociedade formada e con expectativas, un futuro de progreso e un pobo que aspira a ter o seu lugar e o seu rol no mundo do século XXI.
Agolada, cerne desta Terra do Medio, sobrevive e acóllese ao vello proverbio que recorda que namentres hai vida, hai esperanza. Quédanos a esperanza de que saibamos avanzar con paso decidido para revitalizar e dinamizar o noso territorio. E iso conséguese sobre sólidos fundamentos: unión, esforzo, emprendemento, solidariedade, traballo, hospitalidade, imaxinación, optimismo...
Manuel Busto Galego, decembro de 2024
(Texto que serviu de soporte histórico ao Proxecto Musical titulado "Aquam Latam desde a orixe", ideado por Bico da Balouta e a Coral Polifónica de Agolada e dirixido por Javier González Borrajo e Alejandro Piñeiro Rodríguez. E estreado nun magno concerto no Auditorio de Agolada o día 25 de Nadal).
Ningún comentario:
Publicar un comentario