Era maio de 2004 cando recibín unha chamada para crearmos unha asociación que tivese como meta principal a restauración integral e a dignificación do recinto dos Pendellos. Xosé Vázquez Pintor foi un dos motores necesarios. Logo sumámonos outros. Prendeu a ilusión e a lista de socios non parou de medrar, os de aquí e os de fóra.
Logo da primeira asemblea saíu a directiva que vedes na foto no momento da súa presentación á prensa. Loxicamente o lugar máis propio era no medio dos pendellos.
Moito camiño se leva andado desde entón, de metas conqueridas, de traballos, de alegrías e tamén dalgunha desilusión ou disgusto.
O que máis nos preocupa é non ter convencido a máis conveciños da riqueza patrimonial e da singularidade e importancia que alberga este mercado antigo. Intentámolo por todos os medios, cunha intensa campaña de difusión en xornais, radio, televisión, revistas; coa celebración dos Encontros nos Pendellos (acadou máis eco fóra ca n' Agolada), as Noites das Candeas, as invitacións a múltiples autoridades para lles expor as posibilidades do recinto, a celebración dunha meritoria mesa redonda con seis recoñecidos arquitectos, as entrevistas mantidas en diferentes organismos de Santiago e Pontevedra, a participación nas distintas edicións da Feira Medieval, a recepción e guía de grupos de visitantes...
Aquí seguimos a 30 de decembro de 2006 co compromiso da Consellería de Cultura para as primeiras obras, despois de que a Deputación veña de comprar 40 construcións. Énchenos de alegría porque é a primeira plasmación do noso traballo e seguiremos a pedir e a insistir na nosa idea por moito que algúns políticos se queiran apropiar dela. A sociedade d'Agolada é a que ten que se mover e os políticos, responder ás demandas da vecindade que para iso foron elixidos e para iso cobran do erario público.
Cómpre repetir que esta Asociación é cultural e non política. Ninguén persegue metas nin medre persoal. Non somos nin da corda nin da oposición. Somos o que se ve e traballamos pola descuberta, valoración, recuperación e dignificación do patrimonio cultural deste concello, que se non é corazón é pericardio de Galicia.