29 de decembro de 2006

AUGA DA PENA DA VIRXE


















Na historia do Picolongo
aínda latexa a lembranza
da ermida a carón da pedra,
Virxe da Pena chamada.

Na mañá limpa, de cristais,
bícanse o ceo e o monte;
xunto á pena cabalada
un milagre de anos dorme.


















Repousa na dura peneda,
do chan ben levantada
a auga na cunca escondida
no colo da pedra gra.

Auga da santa, fresca auga
de manancial misterioso,
ninguén recorda que estiñase
no verán máis caloroso.



















Rega da Virxe da Pena
Pena da Virxe, sagrada,
cara a Couso vai deitando
lenes bágoas cor de prata.

Os romeiros soben ledos
onda santa en romaría,
buscan na auga o remedio
aos males de cada día.

A finais do dezanove, pola festa,
sucedeu triste altercado,
un asasinato na capela,
episodio ben lamentado.



















Quixo o bispo evitar
máis mortes como aquela;
foi demolida ata os alicerces
a capela da Virxe da Pena.

Queda a imaxe para a historia
en Trabancas, na súa igrexa,
queda no monte unha rocha,
queda da auga unha lenda.
Manuel Busto Galego