3 de xaneiro de 2007

CRUCEIRO EN A LAGOA

Hai no concello cruceiros máis artísticos, máis airosos, máis elegantes, pero ao meu xuízo ningún reúne tanta graza popular coma este de A Lagoa (Vilariño). A desproporción, o rostro alongado e deforme, a postura case desenfadada. Hai nel un estilo manierista rural e a espontaneidade do canteiro local.
Está mancado, partido en anacos e pegado con cemento. O mal que sofren moitos cruceiros que non son quen de soportar o tráfico de tractores, e outros vehículos. Temos que facer algo para salvar os cruceiros. Poñerlles un cinto de protección. Defendelos dos actos de vandalismo (velaí o caso de Berres - A Estrada hai poucos días).
Toda a arte do pobo recóllese nos hórreos e nos cruceiros.
Os cruceiros ocuparon principalmente as encrucilladas, os adros das igrexas, os lugares onde houbo unha morte violenta...
Este de A Lagoa está no cruzamento dos camiños: o que sobe de Vilariño ata Agolada e outro camiño que vai cara a Carral (Santa Comba) e un carreiro que atallaba cara a Velpellós.
"... cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do ceo..." (Castelao)