14 de xaneiro de 2007

alamBIKE CLUB CICLOTURISTA

Mover as pernas é mover o corazón: camiñando ou pedaleando.
Andar en bici é moito máis que mover o corazón: é abarcar o mundo coa alma, apreixar coa mirada a esencia da paisaxe, percorrer o territorio e sentilo tal cal é, vivir a amizade e o compañeirismo solidariamente.
Hai seis anos, un grupo de compañeiros (a maioría profesores no IES Laxeiro) creamos o Club alamBIKE para facer cicloturismo e deporte de mantemento. Neste grupo consolidei unha das miñas afeccións frustradas de neno e permitiume descubrir ou redescubrir todo o que me rodeaba.
Nos últimos anos os meus percorridos teñen obxectivos moi concretos: visitar todos os recantos de Agolada que teñan algún interese desde o punto de vista paisaxístico, natural, arqueolóxico, histórico, arquitectónico ou etnográfico.
Coa cámara dixital como compañeira insubstituíble vou facendo moitas das fotos que vos ofrezo neste blog.
Nas fotos da dereita, feitas o 12 de abril de 2004, o grupo fundador do alamBIKE, na feira de Agolada e no camiño que entra en Ferreiroa desde Bidueiros.
Cinco compoñentes do alamBIKE estamos vencellados con Agolada, de aí que o poña entre os colectivos deste concello, anque a maioría dos seus socios e a súa sede social estean en Lalín.

1 comentario:

  1. Hello from New Zealand. I was searching the blog world when your blog popped up. I cannot understand the language, but I like your photos.
    Click on my name if you want to have a look at my blogs.

    ResponderEliminar