22 de xaneiro de 2007

CRUCEIRO DE GURGUEIRO

Gurgueiro é parroquia ribeireña do Arnego. Linda con Ventosa, Ferreiroa e a lalinense parroquia de Parada. Só posúe tres aldeas: Gurgueiro, Laxosa e San Miguel. Nesta última está a igrexa e o cruceiro da foto. Aquí reside unha única familia. A sensación de soedade e abandono quedan patentes na casa rectoral e noutras dúas semirruinosas.

Este sinxelo cruceiro sen iconografía ten un aquel particular no seu pedestal: unha lousa que emerxe no campo de herba que rodea a igrexa.
Por este lugar pasaba o antigo camiño que procedía da Ponte de Pedroso e dirixíase polo Turubelo a Axiaz. Desde aquí bifurcábase a Ventosa e Gurgueiro. En Laxosa cruzábase co que ascendía da Ponte dos Cabalos. Seguía cara a Ferreiroa e chegaba a Agolada. Desde Agolada buscaba a Ponte medieval de A Cornella sobre o Ulla.
Gurgueiro ten no monte Turubelo un impresionante parque arqueolóxico do que falarei aquí outro día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario