22 de xaneiro de 2007

PASEO DA PARRANDA


Esta rúa era a principal arteria do antigo mercado da feira d'Agolada. As dúas beiras estaban repletas de pendellos expositores de contrastada elegancia. As aliñacións de chantos verticais en ambos lados da rúa conferíanlle prestancia e aire de paseo porticado. Varios pendellos comedor, algunha vivenda e a Capela das Virtudes. Canellas que desembocaban nela e un río de xente a percorrelas nos 12 de cada mes. Pola mañá facíanse as compras e pola tarde o paseo dos mozos e as mozas. De aí lle vén o nome.
Houbo unha corporación municipal que decidiu tirala para abrir unha rúa máis moderna. Foi unha desfeita. En 1985, alertada a Dirección Provincial de Belas Artes, chegou a Declaración de Conxunto histórico-artístico. Agora tócanos restaurar, devolver ao estado primitivo. Nin é tan difícil nin tan caro. O caro foi revestir a desfeita tapando un remendo con outro remendo de mellor calidade.
A foto que publico (ano 1966) pertence ao arquivo do Museo Provincial de Pontevedra e é froito das miñas pescudas por diferentes institucións: o CGAI, o Seminario de Estudos Galegos (cuxo arquivo está no Instituto Padre Sarmiento), o Museo do Pobo Galego, o arquivo de Manuel Chamoso Lamas, o Museo Terra de Melide, o arquivo de Foto Bernabé, o arquivo de Manuel Fernández Buján (Magar), o arquivo de Xosé Galego Iglesias, e arquivos de particulares de Agolada. Aínda me quedan varias pescudas. Esperemos que dean froitos. Estou seguro de que hai moitas fotos desperdigadas polo mundo. En Internet dei cunhas fotos da feira. Conseguín localizar ao autor, Xosé Bergantiños, natural de Guitiriz e médico en Coímbra, e xa me mandou doce fotos. Prometeume enviar todas as que posúe. Fixera unhas fotos da feira en 1977 . Algunha publicouna A Nosa Terra. Consultei libros cos arquivos de Ruth Matilda Anderson, Jean Dietzaide, Ramón Caamaño, Virxilio Viétez, Ksado... De momento o que atopei foron 10 fotos no arquivo de Bernabé, 12 no Museo de Pontevedra, 1 no Museo Terra de Melide, unhas 20 que ten Xosé Bergantiños, varias de Magar, algunhas do álbum de Xosé Galego Iglesias e algunha do arquivo Xosé García Piñeiro.

1 comentario:

  1. Non me esquecín, dame tempo para poder escanear o material.
    Saúdos desde a Beira Litoral.

    ResponderEliminar