25 de xaneiro de 2007

TON VAN VLIET VOLVE A AGOLADA

O pasado 19 de Xaneiro reunímonos no Centro Social da Terceira Idade por un dobre motivo: a exposición de fotos de Ton van Vliet e as impresións que obtivo daquelas súas estadías en Agolada a finais dos anos 70. Agolada vista polos ollos dun mozo holandés. A tracción animal dos apeiros agrícolas e as granxas de dúas ou tres vacas sorprendérono. Gustoulle a xente, que receosa ao principio logo acolleuno con agarimo. Observou os importantes cambios que se experimentaron nos trinta anos transcorridos (comunicacións terrestres, telefónicas, mecanización do agro...).

E a continuación houbo unha mesa redonda para enxergar o futuro do noso concello. Interviron o Delegado de Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constenla; o alcalde de Agolada, Ramiro Varela; Marcial Barral, de Adega e Manuel Busto, da Asociación Amigos dos Pendellos. Coordinou o acto Alfonso Sucasas, de Bico da Balouta. Este colectivo máis a Fundación Deza foron os organizadores dos actos. Por certo, a concorrencia de público foi numerosa e estimulante.

A xornada completouse no restaurante O Mago Merlín con viños, racións, a música de Bico da Balouta, as cancións improvisadas e a gracia espontánea do benquerido contacontos Celsiño Fernández Sanmartín.

Datas coma esta débense gardar na hucha das lembranzas felices.

Ningún comentario:

Publicar un comentario