30 de xaneiro de 2007

NOS PENDELLOS EN 1956

É día de feira. O 12 de xullo de 1956. Os Pendellos de Agolada zumegan vida por todas as canellas. Hai visita oficial, o Gobernador Civil e o seu acompañamento de autoridades saborean os melindres da señora Jesusa, "A Melchora" de Melide, e catan o licor café.
Esta é a foto máis antiga que posuímos feita nos Pendellos. Nela recoñecemos á Melchora, ao Gobernador Civil no centro da foto, ao alcalde de Agolada, José Otero Fernández (sostén unha copa na man) e ao párroco D. Manuel Martínez (logo sería crego de Ventosa). A escena foi captada nun dos pendellos expositores do desaparecido Paseo da Parranda.
A Panadería da Melchora aínda segue traballando na actualidade preto do Convento Vello en Melide, entre fariñas, azucres e meles. Está rexentada por unha neta da señora Jesusa. Alí conseguín esta foto, que tamén está no Museo Terra de Melide. Desta vila acudían vendedores de todo tipo de mercadorías acugulando o vello autobús de Puntero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario