26 de xaneiro de 2007

O TOPÓNIMO AGOLADA (I)

O topónimo Agolada segundo a Enciclopedia Lingüística Hispánica provén do étimo latino Aquam latam (aquam levatam): auga levada ou auga conducida. No Dicionario Xerais da Lingua a voz levada aparece como "parte do caudal dun río desviada con algunha finalidade determinada (para rego, muíño, etc.). Houbo quen imaxinou en Agolada a existencia dun acueducto do que non ficaría ningunha evidencia nin física nin na tradición oral. O que nos queda na tradición oral é a existencia dun muíño desaparecido que estivo situado preto do Pontillón. Tamén na microtoponimia. Aínda hoxe os prados nos que se encontraba o muíño, se chaman Prado do Muíño. Para ir a eles hai que ir polo Camiño do Muíño, recollido en testamentos e partillas. Tamén se sabe dunha canalización de auga que conducía a este muíño. A auga que viña das fontes de Fontearcada, As Fontelas, a fonte Barreira e a Fonte dos Gorgullós chegaba ao Regueiro e logo conducíase ao muíño desviándoa da súa canle natural.
Temos, por tanto, unha explicación sinxela e racional para entender o significado de Agolada. Significan o mesmo: Agualada, Augalevada, Agualevada, Igualada (Aigualada). Son topónimos moi estendidos por toda Galicia e tamén noutros lugares de España e Portugal.
Este blog quixo autotitularse AQUAM LATAM, para recuperarmos a memoria do étimo e recrearmos a intrahistoria desta terra de interior que loita por saír do letargo.
A foto que ilustra este apunte é de 1973. Foi realizada por Paisajes Españoles, S.A.

Ningún comentario:

Publicar un comentario