27 de xaneiro de 2007

O TOPÓNIMO AGOLADA (II)

Existiron desde hai bastantes anos dúbidas arredor do topónimo AGOLADA. Os problemas proveñen da escrita pois na fala parece bastante claro, agás a forma castelanizada. Temos visto escrito GOLADA, LA GOLADA, A GOLADA e AGOLADA. Se atendemos aos estudos publicados na Enciclopedia Lingüística Hispánica, á autoridade na materia de Abelardo Moralejo Laso e Fernando Cabeza Quiles, fácilmente concluiremos que a forma válida é AGOLADA. Hai outras evidencias que o confirman. Hoxe tráiovos esta foto feita o 30 de novembro de 2006 na Casa-Museo de D. Ramón Otero Pedrayo en Trasalba (Ourense). O mapa que se ve na foto é un dos 800 orixinais que se imprimiran cando o publicou D. Domingo Fontán en 1845 co nome de Carta Geométrica de Galicia. A recollida de datos para o mapa xa a finalizara en 1834. Recolle o topónimo Agolada e confirma a tradicional idea de que Agolada era unha importante encrucillada de camiños. Obsérvanse cinco camiños que chegan a Agolada e faltarían o camiño de Couso e o de Ferreiroa, que seguía cara a Ponte dos Cabalos.
(Nótese que a foto foi feita con pouca luz, sen flash e co cristal da vitrina que protexe o mapa por diante).

Ningún comentario:

Publicar un comentario