Foi o 16 de Xullo de 2004. A asociación "Amigos dos Pendellos" botaba a andar con paso firme. Celebrouse ese día no salón de actos do Centro Social de Agolada unha mesa redonda con seis arquitectos de prestixio no campo da arquitectura popular. O tema versaba sobre A recuperación do Patrimonio: Os Pendellos d'Agolada. A principal conclusión á que se chegou ese día foi a de que restaurar cobra sentido cando logo se lle dá un uso adecuado ao patrimonio restaurado. Igualmente se destacou o valor etnográfico dos Pendellos e o feito de ser un espazo único e irrepetible, paradigma da arquitectura comunal.
Na foto en branco negro están, de esquerda a dereita, José Luís Pichel Fernández (Arquitecto de Patrimonio en Pontevedra), Manuel Chaín Pérez (arquitecto do Instituto de Conservación e Restauración de Bens Culturais, organismo que depende da Consellería de Cultura e coautor do proxecto de restauración das aldeas de Cortes, Seceda e Froxán, no Caurel), Xoán Manuel Doce Porto (secretario da Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña, coautor do proxecto de restauración das citadas aldeas do Caurel), Manuel Caamaño Suárez (profesor emérito da Escola de Aparelladores de A Coruña, membro do Patronato do Museo do Pobo Galego, autor do libro As construcións da Arquitectura Popular, Premio da Crítica 2004 en Investigación), Luís Viñas (secretario da Asociación Amigos dos Pendellos), Miguel Serrano Gómez (coautor do proxecto de restauración do Pazo de Eidián), María del Carmen García González (coautora do proxecto de restauración do Pazo de Eidián) e Manuel Busto Galego (da directiva da Asociación e portavoz da mesma).
Ningún comentario:
Publicar un comentario