1 de febreiro de 2007

A FEIRA NOVA

Velaquí o antigo campo da feira convertido en praza ou parque da Feira Nova. O topónimo deste lugar da parroquia de Brántega é ben explícito: naceu arredor da feira do 26, desaparecida nos anos 60 do pasado século despois de décadas de apoxeo. Contaba cun importante número de pendellos. Non queda ningún. Eu lémbroos, senón todos si unha boa parte, cando xa prendía neles a ruína. É mágoa que non quede deles nin unha foto. Arredor da feira naceron as cantinas e casas de comidas: a de Fermina, a de Primo (último alcalde do noso concello durante a República), a do Fraga. Tamén está a casa do Torres, que co seu autobús de festas e feiras percorría as vilas dos arredores.
A este lugar da parroquia tamén se trasladou desde o monte de Moas, a capela da Cruz. Construíuse unha capela de ladrillo e cemento de escaso interese arquitectónico, máis o tempo e os liques déronlle a pátina da pedra. Tan pésima era a construción que decidiron demolela recentemente e a escasos metros están erguendo outra, máis pequena e a saber cómo será pois aínda está en camisa.
En primeiro plano na foto vese o monolito ou pedra-homenaxe que os veciños dedicaron aos músicos máis insignes desta parroquia: Andrés Vilariño Porral e José Oro Val, fundador e refundador da banda de música de Brántega respectivamente.

1 comentario:

  1. Ola. Sigo con moita atención o teu blog desde o primeiro día, pois nel sempre atopo algunha razón para o goce: as fotos, os textos sempre impecablemente escritos, o cariño co que pousas a mirada darredor túa... En fin, moitas noraboas.
    Estes días fixen unha excursión á túa terra e saquei unhas fotos. Se queres ver o resultado, podes ir a este enderezo:
    http://www.youtube.com/watch?v=-WY4Maw-N3I
    Saúdos.

    ResponderEliminar