27 de febreiro de 2007

FERREIROA

Vista panorámica da aldea de Ferreiroa tomada con teleobxectivo desde a Aldea Vella. A tal Aldea Vella ten todas as trazas de ser o antigo castro onde habitaron os de Ferreiroa e A Costa ata ben entrada a romanización. Sabemos que aquí se encontraron dúas estelas funerarias da época romana, algún veciños faláronme de que dos muros da Aldea Vella levaron pedra para facer o recheo da pista e con ela varios muíños de man. O lugar, pola súa conformación orográfica, é un outeiriño con ampla visibilidade, facilmente defendible, desde o que se avistan varios castros: o Marcelín, o de Parada, o de Esperante, Santa Comba...
Ferreiroa ao fondo, no val, na ribeira do río. Coas súas casonas pacegas: Sarandeses, Outeiro, Neira, do Cura, do Carreira... Boa pedra, excelente arquitectura e variedade etnográfica. Hórreos, palleiras, celeiros, e na esquina superior esquerda, o pombal destellado da casa de Sarandeses.
Dous mil anos pasaron desde a época da primitiva ferrería. A aldea segue viva, pero menos. A despoboación é mal que chega a todos os recantos. Tamén a Ferreiroa. Apenas quedan nenos. ¿De onde nos virá esta tendencia suicida?

1 comentario:

  1. Na miña modesta opinión, é unha das aldeas con máis encanto de Agolada. Nótase que estabamos en terra de canteiros.

    ResponderEliminar