Hai datas que quedan rexistradas no anais dos pobos para que a posteridade saiba delas. Por orgullo e recoñecemento. O 14 de novembro de 2004 Agolada viviu unha xornada plena, significada, inolvidable. Por un día converteuse nun foco cultural con luz propia.
A Delegación dos representantes do Galego Exterior devolvía visita aos galegos que en setembro do mesmo ano lles renderan homenaxe no Val do Xálima (Estremadura). Os Amigos dos Pendellos ofrecémoslles este noso foro de feira para acoller, como antigamente se facía cos feirantes, en colo e agarimo aos representantes do Galego exterior e aos moitos galegos que se sumaron a este acto. A nosa Asociación dedicou o seu I Pendello de Honra ás xentes que manteñen viva a lingua galega máis alá do nosos límites administrativos. Don Domingos Frades Gaspar, delegado da Fala en Estremadura, en representación dos delegados presentes recolleu o galardón. Por Asturias, D. Carlos Varela Aenlle; do Bierzo, D. Heitor Silveiro; de Lubián (Zamora), D. Felipe Lubián. Este primeiro recoñecemento veríase ampliado o 18 de decembro cando a Real Academia da Lingua os nomeou académicos de número, acto ao que fomos invitados.
Pendellos e lingua galega, ambos patrimonio do pobo, unidos para se honrar mutuamente.
As fotos de arriba corresponden a:
Mini e Mero de A Quenlla, que escenificaron o romance O cego da Xestosa, como antano facían os cegos na feira.
Francisco Fernández Rei, catedrático da Facultade de Filoloxía Galego-Portuguesa da Universidade de Santiago, que leu o discurso central sobre o Galego exterior.
Ningún comentario:
Publicar un comentario