21 de febreiro de 2007

IGREXA ROMÁNICA DE FERREIROA

A igrexa románica de Ferreiroa dedicada a San Pedro é sede da parroquia á que pertence Agolada. Dista dous quilómetros da capital municipal. Está situada a escasos metros do río e da ponte sobre o río Ferreiroa, nun pequeno e evocador val.
A igrexa , de traza sinxela, planta e ábsida rectangulares, conserva bastantes elementos románicos despois de varias modificacións. A portada principal de dobre arquivolta, os canzorros, a ábsida cunha fiestra románica cegada, o arco triunfal pertencen á época da súa edificación no ano 1030.
Na entrada do adro, a portada está coroada por un frontón triangular. Sobre o lintel pódese ler unha curiosa inscrición: El fin de esta vida aquí tenéis, el de la otra, según obréis. Foi pouco afortunado o repintado en negro desta inscrición e da caveira que hai no medio do texto. Como ben se pode advertir na foto superior, tamén sobra aí o contedor de lixo.
A foto inferior data de hai trinta anos. O seu autor: Luís de Primo do Cura de Ferreiroa. Daquela os campos de millo rodeaban o adro. Hoxe apenas queda quen traballe as leiras.



Ningún comentario:

Publicar un comentario