O río Arnego movía en Carmoega sete rodicios de tres muíños: o muíño de Bértolo, o da Devesa e este da foto que lle chamarei o muíño de Busto, o dos meus ancestros (anque poucos o coñecen por este nome, dinlle tamén da Devesa). En Carmoega había máis muíños. Queda o muíño Vello no Rego do Batán e a memoria e algunhas pedras da canle do muíño do Regueiro, impulsado pola auga abondosa da Fonte do Rodo.
Os tres primeiros citados están no medio do Sobreiral. Deles, este é o peor conservado. Caeulle o tellado e apenas quedan dous laterais dos muros. Conserva o pé, a moa e o rodicio. H
ai moitos anos que non se usa, tantos que tardei moito en saber que nós eramos parceiros cos de Paciños neste muíño. Este muíño e o da Devesa están un a carón do outro nun lugar coñecido como As Aceas (a xente di As Aceñas), en clara referencia a estas humildes mostras da enxeñería rural.
Na foto superior, un dos camiños que sobe ao interior do sobreiral. Muíños, bosque e río garantizan alicientes suficientes para verse embargado pola natureza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario