Antes ca Microsoft, os agoladenses xa inventaran un sistema operativo de igual nome, iso si, expresado en galego da casa. Máis ou menos podería ser: ventás con vistas estupendas desde o fogar. Ou mellor aínda: ¡que marabilla de vistas as das ventás destas casas!
Era e é un sistema perfectamente operativo porque canto máis te achegas á ventá mellor é a panorámica, e máis luminosa. Con contras de parar a luz ou sen elas. A discreción. É dicir, un sistema que funciona.
A configuración do sistema é ben sinxela: mampostería de esquistos e lousas de granito ou pizarrentas que enmarcan a fiestra de madeira, castiñeiro pura cerna, sen sámago. Ventás de dúas follas e seis vidros (ou sen eles). Sen eles é máis ventá porque entra máis vento. Ventá vén de vento. O vento que anova o osíxeno e que seca as humidades. Ventás das terras baixas de Agolada con arxilas e esquistos no subsolo e onde granito era un luxo carretado polas corredoiras nun ir e vir de chíos de eixes de freixo (se queres que o carro cante móllalle o eixe no río). Para engalanar as casas e os hórreos.
Windows Vista Home Premiun na arquitectura popular abandonada de Agolada. A foto superior corresponde á casa do Cabo en Pazos (Carmoega) e a inferior a Campo (Sesto).
As diferencias construtivas son claras . Na inferior non se usa en absoluto o granito e as ucheiras e o lintel da fiestra son de castiñeiro; o peitoril, bastante inusual, é unha lousa esquistosa trapezoidal invertida.
Ventás, fiestras, xanelas, meniñas e retinas da casa, gardades memoria da aldea, da paisaxe, dos coriscos nevados e das raxeiras estivais.
Esto es un blog maravilloso que usted tiene aquí. Me fascinan absolutamente.
ResponderEliminarGuardo un blog también. Estoy en gledwood2.blogspot.com. Usted es la mayoría de la recepción para pagarme una visita si usted tiene gusto. Es absolutamente diferente la tuya, aunque.
Cuidado de la toma ahora y todo el la mejor
Gledwood