14 de febreiro de 2007

RIO FERREIROA

Faleivos aquí, en anterior ocasión, do muíño de Peizás. Poucos metros máis abaixo do muíño atópase a pontella da foto, sobre o río ou rego de Ferreiroa. Esta pontella dá paso ao gando e aos carros para acceder aos prados que hai na ribeira do Arnego. Este patrimonio das pontellas tamén merece coidados. Esta só ten unha lousa da plataforma algo levantada do seu sitio por mor dunha enchente. É doada de arranxar.
O río Ferreiroa bebe nas fontes do Farelo que baixan cara a Aián, pasa a carón desta aldea e busca a Pontepedriña facendo cunca entre as chousas de Lamas e as de Buxán. Anteriormente recibe as augas do regueiro que baixa do Picolongo e bica as aldeas de Trascastro e Val. Despois d'A Pedriña recibe o rego de Ventosa, que nace na fonte de Laxe e vai polo fondo dos prados de Laxe e de Quintela. Percorre a zona dos Muíños e preto da Ponte de Pau recibe o rego de Bidueiros que trae o aporte líquido das fontes de Agolada e Bidueiros.
Pasa pola zona d'As Virtudes (ten a mellor ponte que se construíu sobre este río) e chega aos prados de Ferreiroa. De aquí toma o nome, de onde os romanos lavaron o mineral de ferro na primitiva ferrería. As escorias que quedan nos arredores son arqueoloxía evidente.
Preto da igrexa vaise baixo a pontella da Anduriña. Aquí o curso do río inicia un descenso rápido buscando ao Pai Arnego que o recibe en Peizás.
Todo o brío e xuventude do seu curto curso (arredor de 8 quilómetros) valeulle antano para mover rodicios de dez muíños de unha ou dúas moas. Hoxe é un desperdicio. Os muíños caen, agás o de Peizás, as pontellas tamén. A auga corre, pouco aproveitada e ¡cantas veces maltratada!
Arredor deste río o entorno invita ao paseo, á meditación, ao coñecemento. Agora que están de moda as rotas de sendeirismo aquí podería trazarse unha, repleta de beleza e de actractivos paisaxísticos, etnográficos, históricos e arqueolóxicos. Falta limpar algúns camiños existentes e poñer uns sinais, de madeira a ser posible. O demais xa existe desde hai moitos anos. Aí está.

1 comentario:

  1. grazas polas túas palabras, manolo. eu tamén gozo das túas e cos anaquiños da agolada que nos vas amosando.
    apertas!!!

    ResponderEliminar