( Pendellos nevados, xaneiro de 2006)
Nacemos a carón destes casetos humildes
ignorando a soberbia da pedra inmaculada,
erosionada polas feiras e séculos de respecto.
Medramos nas canellas dos Pendellos
destellando o seu orgullo mancado,
cegos para a grandeza que encerraban.
Cando mozos, albiscamos feblemente
a foresta granítica aínda íntegra
cos vestidos da ruína cabalgando.
Viñeron máis outonos impasibles,
preñados de lamentos e desidia
para afondar na ferida e na nostalxia.
Maduramos para a esperanza e para a vida
na procura dun albor para estas pedras
maltratadas, merecentes de agarimos.
Laiámonos das miserias da desfeita
que mutilaron e tallaron monolitos
na médula do universo dos alpendres.
Vivimos un presente de suores e atencións
petando no miolo das conciencias anestesiadas
para alertar das urxencias dos Pendellos.
Avistamos un futuro de harmonías
que precisa das vontades conxuntadas
dos que soñamos cun país de rechouchíos.
Manuel Busto Galego
Ningún comentario:
Publicar un comentario