19 de febreiro de 2007

A PENA GUNDÍN

Despois do Farelo, os cumios máis sobranceiros do municipio de Agolada son o Picolongo, o Castro Marcelín, o Coteimil, Pena Maior e a Pena Gundín.
O cumio da foto chámanlle Pena Gundín ou Pena Cuntín. Trátase dunha mole rochosa formada por micaxistos que adoptan curiosas formas (observade na foto do medio a cara da dama que olla cara arriba) e aguzadas puntas que se orientan cara o leste.
Estes penedos están no monte de Val de Sangorza xa nos lindeiros coa parroquia de Brántega.
Desde aquí contémplanse amplas vistas sobre o último tramo do Arnego e as veciñas terras de Vila de Cruces, Arzúa, Santiso e Melide. Tamén se ven zonas dos concellos de Lalín e de Agolada.
Ollado de perfil, este cumio recorda un dorso de balea que o fai inconfundible no horizonte.
Doe comprobar que a falla de sensibilidade ou un progreso mal enfocado perturben a beleza destas formacións rochosas e a historia destes cumios. Doe ver que se chantan postes e antenas repetidoras do sinal de televisión no medio e medio deste curuto, ao igual que en Pena Maior. Non estou contra o progreso. Os postes e as antenas pódesen ubicar nas proximidades pero non aí. Precisamente por ser un outeiro destacado na paisaxe e por ter unhas rochas singulares e porque quizais no pasado lonxano fose lugar de ritos panteístas.






1 comentario:

  1. desde logo que é un cunio inconfundible,con velo no horizonte xa sei que está preto brántega.a pena cuntin, sempre a coñecin asi,leva moita lenda consigo..de covas e demais..grazas por axudarnos a descubrir os tesouros que temos tan preto, e inxustamente pasan desapercibidos..tere traspenas

    ResponderEliminar